O Bloque Nacionalista Galego demanda do goberno local do PSOE a xestión das aulas matinais, tal como recolle o Plan municipal de Igualdade. Este servizo de conciliación é esencial, xunto cos comedores, como medida de promoción da igualdade real das mulleres, dado o seu papel, aínda hoxe, de principais coidadoras.

O goberno de Paco Ferreira négase reiteradamente a asumir este servizo malia que entre as competencias dos concellos figure a prestación de servizos públicos que garantan a igualdade entre homes e mulleres. Hai que lle lembrar ao goberno local que a Área de Emprego e Conciliación do vixente Plan de Igualdade do Concello de Gondomar contempla entre as accións para conseguir ese obxectivo a “posta en marcha dun servizo municipal de Aula Matinal en colaboración cos centros educativos da zona como sistema que facilite a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e homes de Gondomar”.

Ese servizo debería estar funcionado desde o curso 2019-2020, tal como fixaba o IV Plan de Igualdade. Dado que foi prorrogado até 2022, “dende o BNG instamos ao goberno de Ferreira a cumprir ese obxectivo no vindeiro curso 2022-2023”, indica Rodríguez.

Servizo de comedor para todo o alumnado que o demande

Así mesmo, o BNG insta á Xunta a garantir o servizo de comedor tamén nas aulas de infantil do CRA Antía Cal das parroquias de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza, e non só na de Peitieiros, como parece desprenderse da información publicada na nota de prensa do Partido Popular de Gondomar.

No pleno de xuño foi aprobada por unanimidade a moción presentada polo BNG e o nos acordos recóllese “instar ao gobernos da Xunta e do Concello a garantir o acceso ao servizo de comedor, tanto no que respecta a espazo físico como a modalidade de prestación, para o curso 2022-2023 a todas as familias que así o soliciten, incluídas as do alumnado das cinco aulas do CRA Antía Cal”, lembra a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.