O BNG ven de rexistrar unha iniciativa no Concello na véspera do Día das Letras Galegas para demandar unha serie de medidas que contribúan a poñer en valor o noso idioma e de paso dar cumprimento a Lei de normalización lingüística.

Precisamos actuar en todos os ámbitos e contribuír xunto á sociedade a darlle un novo futuro á lingua, para podermos vivir en galego con normalidade.

As administracións locais teñen un papel importante no proceso de normalización abalado polo artigo 4.1 da Lei 3/1983 do 15 de xuño de normalización lingüística no que se declara  o galego como lingua oficial das administracións locais.

Anxo Baz, portavoz municipal do BNG afirma que “a rotulación de moitas das rúas da nosa localidade amosa unha absoluta falta de respecto pola nosa lingua ademais de incumprir a Lei de normalización lingüística que recolle que os topónimos en Galiza terán como única forma oficial a galega, sirva como exemplo: Calle Bajo Muro, Plaza de la Iglesia,  Transversal San Cayetano, Calle Bayona, Los Bechos, Transversal Coruto Viejo, Pahiño-Buján, El Castro, Subida al Torroso, Plaza de Buján entre outros moitos”.

E remata decindo “é unha anomalía que os nomes de moitas das rúas da Guarda ou o  contestador automático do Concello non estean aínda en galego”.