En opinión do BNG, “sería máis altruísta e desinteresado por parte do PP que colaboraran de forma anónima e non utilizando ao voluntariado, a membros de protección civil e, de xeito indirecto, as familias preocupadas pola protección das crianzas contra a pandemia, para saír na foto facendo campaña electoral cun tema tan serio como o coranavirus”, afirman. “É sinxelamente vergoñento”.

Para os dirixentes do BNG, semella que os concelleiros e concelleiras do PP de Baiona, Gondomar e Nigrán esquecen que o partido ao que representan no Val Miñor é o mesmo que goberna na Xunta de Galicia, e que a Xunta ten todas as competencias en materia de saúde.

No canto de saltarse as normas de confinamento facendo reunións non autorizadas, “deberían dirixirse ao Sr. Feijóo para que deixe de presumir de ser o máis autonomista dos presidentes autónomos, e se ocupe de exercer, polo menos, as competencias que xa ten”.

E é a Consellería de Sanidade (dirixida por un baionés que foi alcalde e que sabe ben de quen é a competencia), a través do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), quen debe fornecer a toda a poboación dun material de protección que debería ser obrigatorio, polo menos mentres exista risco de contaxio.

Nese sentido, o BNG presenta unha moción nos plenos municipais que inclúe a aprobación dun acordo para a instar á Xunta a que garanta a distribución gratuíta de máscaras entre toda a poboación galega.