Manuela Rodríguez Pumar

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a exclusión da musica tradicional galega da programación cultural do verán en Gondomar e que nesta apenas se conte con artistas do propio concello.

Máis alá da proxección de María Soliña ou dunha peza de circo con título no noso idioma, as actividades que teñen por protagonista a nosa cultura brillan pola súa ausencia. “Particularmente rechamante é a ausencia da música tradicional, especialmente nun concello en que contamos con músicos e formacións de ampla e recoñecida traxectoria, e onde a música tradicional conta cun elevado número de seguidores e afeccionados en todas as parroquias do concello”, lamenta a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez. “En definitiva, e en contra do manifestado polo titular de cultura, nin buscaron unha programación coa que podamos chegar a todo o público, nin se acordaron dos da casa no relativo ao apoio a outro dos sectores seriamente danados pola pandemia”.

“Tampouco entendemos cal é a intención dun vídeo que nin sequera anuncia a programación, e sobre todo que, xunto con ela, unha vez publicada, traslada unha imaxe que apenas nos retrata, pois pouco ten de noso. O goberno do PSOE de Gondomar, na liña do que fai coa lingua, marxina a cultura galega deixándoa practicamente fóra da programación do verán. Axuda así a manter vivos os prexuízos que deberiamos combater”, engade Rodríguez Pumar.

Para o BNG a xestión cultural de Gondomar ten máis sombras ca luces. “As programacións culturais e festivas de calquera época do ano son unha ocasión magnífica para traballar en prol da nosa cultura e dignificarnos como pobo. Prescindir do que nos fai diferentes é unha forma de negarse, un complexo absurdo que acaba por se volver contra nós. As festas que máis gozamos son aquelas que exhiben a súa personalidade, non as que se igualan a calquera produto que vale para o norte ou para o sur, e que non chama a atención nin de propios, nin de foráneos.”

A este respecto, a portavoz nacionalista tiña varias preguntas para realizar no pleno do pasado xoves, «mais, como adoita suceder, o uso excesivo da palabra por parte do alcalde impediu que se puidese chegar ao punto de Rogos e preguntas, algo que xa é un feito habitual e que inviabiliza a fiscalización do labor do goberno, esencial en democracia», di a voceira nacionalista.

En calquera caso, o BNG vai reclamar a información a respecto de por que se excluíu da programación á música galega tradicional; por que non se contou apenas con artistas do concello; como se selecciona a publicidade e as empresas que a realizan; cal é o custe dos vídeos promocionais, como o recentemente editado sobre a programación cultural, entendendo que existirá unha retribución, xa que os profesionais da cultura, en calquera dos seus campos, teñen o dereito a ser dignamente retribuídos.