O BNG da Guarda denuncia que catro semanas despois, e cun estado das obras bastante avanzado, as correccións prometidas na rúa San Caetano «non existen e todo apunta a rematar cun parche de última hora».
Dende o Bloque Nacionalista Galego consideran que «esta actitude do goberno municipal atende á desgana e lixeireza co que o PSOE toma as obras de humanización dunha rúa que leva catro anos de atraso».
Para os nacionalistas «é incomprensible presumir de ter proxecto de Vila cando logo fan «changuiñas» por tramos sen ter redactado un proxecto integral da rúa como se tiña acordado en Pleno xa no 2016 a instancias do BNG».
«É escandaloso, din, ver como non se contemplan retranqueos que lle dan amplitude a rúa, o surrealismo chega ata o extremo de que a veciñanza catro anos despois aínda non sabe como vai quedar a futura Praza-miradoiro de San Caetano e o enganche con circunvalación».
«O acordo Plenario de 2016 foi redactar un proxecto da rúa para logo executar por tramos. A realidade é que o PSOE volve a facer unha reinterpretación dos seus acordos que acaba no desconcerto dunha veciñanza farta dos incumprimentos socialistas«, apunta o voceiro nacionalista Anxo Baz.