O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar diante da Valedora do Pobo unha queixa contra o Alcalde de Gondomar e o seu goberno pola falta de solución ao problema da auga en Vilaza.

A Portavoz municipal e candidata do BNG ás vindeiras eleccións municipais lembrou que o servizo de abastecemento de auga na parroquia está a prestarse en precario dende que en 2016 o Goberno municipal de Ferreira declarara nulo o acordo do goberno anterior de asumir a cesión, acordada en 2012 pola Comunidade de Augas de Vilaza, sen que dende esa data se lle dera solución definitiva.

A última iniciativa ao respecto foi unha moción do BNG, rexistrada o 1 de decembro pasado, en que se propuña pasar esa Comunidade de Augas e a súa rede á titularidade do Concello de Gondomar, a través dun trámite de transmisión de aproveitamento hidráulico.

Rodríguez explicou que a moción, quedou riba da mesa no pleno celebrado o pasado 15 de decembro, a petición do Alcalde, por unha suposta ‘falta de tempo’ por parte do goberno para analizar a proposta. Nese mesmo pleno Paco Ferreira comprometeuse a convocar unha nova reunión da Xunta de portavoces para estudo da alternativa presentada polo BNG antes de final de ano, “pero nunca máis se soubo”, lamentou a concelleira nacionalista.

O BNG solicita da Valedora que, por ser o da auga un servizo de competencia municipal de obrigado cumprimento, inste ao Concello a iniciar as xestións oportunas para se facer cargo, no inmediato, do mantemento e supervisión da rede de distribución existente na parroquia de Vilaza. Dese xeito, as persoas usuarias de Vilaza pasarían a disfrutar do servizo de abastecemento nas mesmas condicións que as demais do concello. “Logo de dez anos, xa é hora de que á veciñanza da parroquia se lle recoñeza o dereito ao servizo municipal de augas”, afirma a portavoz do BNG.