A crise do coronavirus impacta de cheo nun sistema educativo que non está preparado para o teletraballo, nunha Galiza onde a fenda dixital é unha realidade que divide e discrimina no acceso á educación virtual. É por iso que o BNG propón limitar a avaliación aos contidos impartidos antes do estado de alarma e favorecer o pase de curso académico co compromiso de recuperar a materia non impartida.

Impartir clases telemáticas e avaliar o curso en función dos contidos on-line, como pretende o goberno de Feijóo, non garante a igualdade de oportunidades e estaría prexudicando precisamente ao alumnado cunha situación económica máis precaria e que non dispón dos medios necesarios para recibir esas clases. A fenda dixital é unha realidade que provoca unha evidente discriminación entre o estudantado, segundo resida nun entorno rural ou urbano, segundo a capacidade familiar para dispoñer da infraestrutura necesaria como ordenadores portátiles, conexión á rede, formación dixital, etc.

E “o dereito a un ensino público en igualdade de oportunidades non se garante destinando tres ordenadores con conexión a internet por cada centro de ensino e sen ter en conta que hai zonas nas que de pouco lles vai servir o aparello se nin sequera hai cobertura de internet ou é moi deficiente, como ocorre en varias parroquias do noso concello. De feito, hai familias que se están a queixar de que os equipos recibidos non conseguen conectarse”,declara Manuela Rodríguez.

Hai outras formas de discriminación, como a que se daría co alumnado que precisa unha atención especifica en función das súas necesidades especiais e que non dispón dos medios que necesita e tampouco as familias contan coa formación e recursos suficientes para asumir o papel de ensinantes.

Solicitude de convocatoria de pleno municipal

Para o BNG de Gondomar, “faise necesaria a convocatoria dun pleno (que desde o día 1 de abril xa poden ser telemáticos), no que se poidan aprobar medidas e tomar acordos fronte a crise socio-sanitaria do coronavirus e os seus efectos no noso concello”, indica a portavoz municipal. Entre eles, instar á Consellaría de Educación da Xunta de Galiza a realizar a avaliación sobre os contidos impartidos antes do estado de alarma e favorecer o pase de curso académico.

Ou, no caso de a Xunta se manter na súa errada decisión, instala areforzar os medios necesarios para garantir o acceso a equipos informáticos e conexión de internet a todas as familias con membros en idade escolar durante o confinamento, ou buscar outras formas de conseguilos cos medios dos que dispoña o Concello. A eses efectos, o BNG de Gondomar ven solicitar a convocatoria de pleno municipal a través do rexistro do concello.