Biblioteca de Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Gondomar fica sen a subvención da Xunta para dinamización da lectura «por incompetencia do Goberno local«. Concretamente, din, «por non ter presentado en tempo e forma a estatística de bibliotecas do ano 2020 correspondente á do noso concello».

No Diario Oficial da Galicia (DOG) do pasado martes, 19 de abril, publicábase a relación das axudas concedidas dentro do Programa Ler Conta Moito 2022 para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Dun total de 238 concellos solicitantes só tres quedaron fóra. «Gondomar entre eles, por non ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2020 e non tela remitido ao Servizo do Sistema de Bibliotecas da Xunta», explican os nacionalistas.

É lamentable coñecer esta nova xusto na semana da celebración do Día do Libro, 23 de abril, mais non é nada novo o desleixo do goberno local do PSOE a respecto da cultura e máis concretamente do funcionamento da biblioteca municipal, como demostra o feito de que esta siga sen posto de bibliotecaria/o”, afirma Manuela Rodríguez, Portavoz municipal do BNG.

«Desde o BNG agardamos que, no suposto de que o goberno Ferreira tivera a dilixencia de solicitala, non ocorra o mesmo coa axuda para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións das bibliotecas, porque tamén está entre os requisitos para a súa concesión ter cuberta e remitida a estatística do 2020. Se se perde«, indican, “perderase con ela a posibilidade de gastar en libros na nosa lingua e nas librarías de Gondomar os 1.500 euros que, como mínimo, garante a subvención, ademais de non contribuír á necesaria ampliación e actualización do catálogo de fondos da Biblioteca de Gondomar”.