O pasado venres, ás 20:00 horas, no salón de plenos do Concello de A Guarda, tivo lugar a presentación do libro «A porta do inferno. O campo de concentación de Camposancos».

Os autores, José Antonio Uris Guisantes e Víctor Manuel Santidrián Arias, estiveron acompañados por Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, presidente da Asociación para a recuperación da memoria histórica de Camposancos e Emilio Crespo Correa, da Fundación 10 de marzo de CCOO.

Nas diferentes intervencións púxose de manifesto a oportunidade desta publicación, «tendo en conta os tempos convulsos que estamos a vivir, onde as guerras non son cousa dos pasados; e a necesidade de manter viva a memoria das persoas que sufriron e deron a súa vida por defender os ideais de xustiza e liberdade ou, simplemente, por manterse leais á República, réxime lexítimo que se proclamou en España en 1931″.

«O libro presenta unha introdución ó sistema concentracionario franquista, percorre os diferentes campos de concentración en Galicia e, finalmente, céntrase no campo de concentración de Camposancos, onde se fala das instalacións, dos tribunais militares e dos miles de presos que por alí pasaron, dando conta das condicións de vida e das sentencias a morte que se ditaron e executaron. Apórtase unha importante mostra de documentación real, procedente dos arquivos», sinalan os autores.

«Ademais«, din, «ofrece uns interesantísimos anexos cos nomes dos prisioneiros, os condenados, os fusilados e os falecidos por enfermidade. Asimesmo, atopamos os nomes dos militares agregados ó campo e o resume dos diferentes Consellos de Guerra celebrados en Camposancos».

O interese que suscitou esta presentación quedou de manifesto nas 150 persoas que encheron o salón de plenos do Concello.