ALFREDO

O BNG denuncia que, máis unha vez e nesta ocasión en Noiteboa, Naturgy deixa sen luz as parroquias de Peitieiros, Couso, Morgadáns e Chaín.

«Nestas parroquias do Concello de Gondomar prodúcense reiterados cortes no subministro eléctrico. Nun período dun mes os veciños levamos sufrido cando menos catro cortes dunha duración considerable, ademais doutros menores. O pasado 7 de decembro o corte foi de 4 horas de duración. O pasado xoves, 24 de decembro, a luz fallou ás 19:45 horas, e seguimos sen ela ás 15:00 horas deste 25 de decembro, coa excepción de curtos períodos de tempo dende ás 10 da mañá», sinala Manuela R. Pumar, voceira do BNG na vila.

“Xa tiñamos claro que este Nadal ía ser triste e anódino, mais non sabiamos que Naturgy (para entendernos, FENOSA), ía pórlle o ramo facéndoo, ademais, escuro. E así foi na cea de Noiteboa e no día de Nadal” declara a concelleira, residente nunha das máis de seiscentas casas afectadas.

Esta é a tónica xeral do subministro eléctrico na zona. Un feito que provoca grandes prexuízos nos domicilios particulares, non só porque no tempo que falta a luz non se poidan utilizar electrodomésticos, ordenadores, ou mesmo non se poida dispoñer de auga corrente e/ou quente, calefacción ou conexión a internet, senón tamén porque provoca danos nos aparellos ou nos alimentos conxelados. E é tamén un gran agravio para as persoas que traballan desde a casa, para os comercios e os negocios xa que lles impide realizar a súa actividade con normalidade, ademais de provocarlles perdas. «Aínda máis. A falta de luz eléctrica, prexudica moi gravemente a aquelas familias que teñen entre os seus persoas dependentes que poden precisar, por exemplo, un respirador, o que creou situacións de verdadeira angustia», indica.

«Todos os cortes de subministro prodúcense por avarías nunha mesma zona, concretamente na liña de Valadares nº 8, segundo información dada por Naturgy. A escusa por parte desta empresa subministradora adoita ser que os cortes do subministro se dan en días de temporal e polas desfeitas que isto provoca. Mais esta Noiteboa foi un día de sol, sen chuvia nin vento. Ademais de que noutras parroquias e mesmo en zonas das parroquias afectadas non quedaron sen luz«, apunta Pumar.

O noso concello fai parte da área metropolitana de Vigo, principal cidade de Galiza. Porén, estando no século XXI vivimos no atraso no que a tendido eléctrico se refire. Algo inconcibíbel tendo en conta que estamos nun país que produce enerxía eléctrica e que é excedentario. É inadmisíbel que sendo produtores de enerxía non só teñamos que pagar unhas tarifas abusivas e mesmo superiores a outros territorios non produtores e que importan enerxía eléctrica, senón que ademais teñamos unhas instalacións obsoletas que non cumpren uns mínimos de calidade nin dan o servizo que a cidadanía precisa”, afirma

A avaría producida este Nadal, pon en evidencia que o problema non ten que ver coa situación climatolóxica, senón coa falta de capacidade do tendido eléctrico, algo que puideron documentar algúns veciños con coñecementos na materia e material de medición, comprobando que ao seu domicilio soamente chegaba unha tensión de 184 v, cando debe ser de 220”, explica.

O BNG entende que no subministro de un servizo básico como a electricidade non debe haber parroquias de primeira e parroquias de segunda, e que os gobernos da Xunta e do Concello deben garantir que se preste por igual e nas mellores condicións posíbeis. Por todo isto, o BNG de Gondomar vai presentar, de novo, unha moción na que solicitará do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:

ACORDO:

  • Instar ao Goberno da Xunta a que, a través da Consellería de Industria, realice as actuacións precisas diante da empresa subministradora encamiñadas a dar solucións (aumento de capacidade e soterramento das liñas, entre outras), a este déficit do servizo nas parroquias afectadas, no menor tempo posíbel.
  • Instar ao goberno local a facer seguimento das incidencias producidas no que respecta ao subministro eléctrico en todas as parroquias para obter un mapa das deficiencias do servizo que sirva de base para reclamar todas as melloras que foran necesarias no conxunto do Concello.