Manuela Rodríguez Pumar

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, a apenas dúas semanas do pleno de outubro, o Alcalde aínda non convocou ningunha reunión para resolver o problema da auga en Vilaza.

O BNG xa comunicara, a través da súa Portavoz municipal Manuela Rodríguez, no mes de agosto e tamén no pleno de setembro, que o BNG tiña unha proposta para chegar a un acordo a respecto da regularización do servizo de subministración de auga na parroquia. Nese sentido, o BNG solicitou tanto nunha ocasión como na outra, que se convocara á maior brevidade posible unha primeira reunión de traballo na que iniciar a posta en común dunha proposta conxunta. “O mesmo día do pleno propuxen que se convocara xa, sen máis dilación, mesmo para o día seguinte”, lembra Rodríguez. Hoxe, tres semanas despois, «o BNG aínda non recibiu ningunha convocatoria por parte do goberno local do PSOE».

Posteriormente, con data 3 de setembro de 2022 e coa intención de acelerar a toma de decisións, o BNG solicitou a reunión extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de asuntos do Pleno. «Tampouco foi realizada, a pesar de que a solicitude foi subscrita polo número de membros da Comisión necesario para forzar a súa convocatoria».

«A razón de solicitar unha ese tipo de xunta e non unha de Portavoces, como prefire o Alcalde, estriba en que a primeira permite o estudo, informe e consulta dos asuntos que haxan de ser sometidos á decisión do Pleno, mentres que a xunta de portavoces é só consultiva, entendendo que é máis apropiada para o asunto que nos ocupa a comisión informativa», sinala Rodríguez.

«En calquera caso, constatado o feito de que a día de hoxe o Sr Ferreira non moveu ficha e no camiño de evitar malos entendidos que poidan ser utilizados como escusa, e mesmo como acusación, como xa ten acontecido, para dilatar no tempo a resolución do problema do servizo da auga en Vilaza, o BNG insta ao Alcalde a que dunha vez por todas se convoque unha primeira reunión no formato que lle pareza oportuno», indica a voceira do Bloque, “que deixe de sinalar culpábeis e que se poña a procurar solucións, que é o que demanda a veciñanza de Vilaza”.