O BNG, a través da súa portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, denuncia que o desgoberno de Paco Ferreira deixa Gondomar sen outro aparcadoiro no centro da vila.
Despois de mantelo en situación irregular durante máis de tres anos, o Concello vese obrigado a desaloxar o ‘leira-park’ da parcela privada situada entre o a rúa Ánimas e a Avenida do Conde.
Propiedade e Concello asinaran, en agosto de 2023, un acordo de cesión de uso por un mes, mentres duraba o proceso de formalización dun futuro contrato de alugueiro da parcela para destinala a aparcadoiro. Máis ese contrato, segundo denuncia Rodríguez “por incompetencia do Alcalde”, nunca chegou a asinarse, aínda que o Concello seguiu a usar a parcela como aparcadoiro até a actualidade.
Ante a imposibilidade de chegar a acordo que regulara o uso da parcela, en 2024 a propiedade iniciou un proceso xudicial contra o Concello de Gondomar. Xa en 2026 e para dar fin ao litixio, accedeu a acordar unha transacción xudicial pola que o Concello se comprometía ao desaloxo voluntario da parcela, coa obriga de proceder á retirada da sinalización instalada no terreo e de deixar elementos de barreira nos accesos para evitar a entrada de vehículos no mesmo.
“O prazo máximo de 15 días para o cumprimento dos acordos venceu esta semana sen que o Concello levara a efecto ambas obrigas, nun exemplo máis do xeito de actuar ‘por riba da lei’ de Paco Ferreira”, denuncia a voceira nacionalista, e lamenta que o Alcalde fora incapaz de evitar chegar a esta situación.
A improvisación como norma
A falla de previsión do goberno municipal á hora de crear novas prazas de aparcamento en reposición das que se destruíron coas peonalizacións, levou ao Alcalde a habilitar, sen ningún tipo de planificación, un leria-aparcadoiro nunha parcela privada situada entre o a rúa Ánimas e a Avenida do Conde –na parte de atrás dos bloques de vivendas situados nos números 11, 13 e 15 desa avenida–, que o Concello viña usando desde 2021 para almacenamento de materiais.
As consecuencias desa improvisación do goberno Ferreira provocaron, primeiro, inundacións dos baixos dos edificios e problemas polas filtracións de auga na súa cimentación, provocada pola retirada de terra que lles servía de barreira natural nos días de moita chuvia no inverno; e, segundo, abafantes poeiras, provocadas polo movemento dos coches, que as veciñas e veciños da zona soportan cada verán.
Diante desa situación, en xaneiro de 2023, o BNG solicitara información sobre as actuacións municipais realizadas no terreo en cuestión. “Sorprendentemente, a resposta a esa solicitude de información foi que non existía ningún expediente relacionado con esas actuacións”, relata a voceira do Bloque, “nin existían documentos ou facturas específicas en relación coas obras de acondicionamento do terreo, nin tampouco contrato de alugueiro ou convenio de uso coa propiedade”.
Tres anos despois chega o desenlace. Para o Bloque é evidente que este é o “resultado da constante improvisación do goberno de Paco Ferreira, á que xa nos ten acostumados, pero á que agora tamén se engade a falla de legalidade. É indignante”, indica Rodríguez.
Chegada a este punto, a voceira nacionalista fai balance: do prometido aparcadoiro na zona do Froiz ou das máis de 200 prazas de estacionamento nas inmediacións do Centro de Saúde que Ferreira anunciaba hai sete anos, nada. E por riba, agora o Concello expulsado deste leira-park que precisa, sobre todo nestes meses de verán e en días de festas. “Con este alcalde todo queda en grandes anuncios e en incapacidade para chegar a acordos”, lamenta a portavoz do Bloque, “a Paco Ferreira a forza váiselle pola boca. Mais o peor de todo é que quen perde é o pobo de Gondomar”.
