O BNG da Guarda fixo público «o malestar xerado en amplos sectores da veciñanza diante da actuación do candidato do PP á alcaldía e do delegado provincial da Xunta en Pontevedra, polo anuncio dun presunto proxecto de infraestrutura deportiva».
O BNG fai fincapé en que “a xente da Guarda necesita que a Xunta de Galiza dea marcha atrás nos recortes da sanidade pública, que teñamos atención primaria en condicións e non haxa demoras co persoal médico de cabeceira nin coas persoas especialistas. Mais fronte a esta política contra a xente que precisa de atención sanitaria, o PP envía feirantes para distraer o problema: o delegado provincial do PP na Xunta e o candidato do PP Roberto Carrero pola Guarda”, destacan os nacionalistas.
“Ambos os dous desembarcan no noso concello como aqueles conquistadores que chegaron a latinoamérica para nos traer dous proxectos, cheos de imaxes falsas que corresponden á Argentina e Panamá, para enredar ao pobo cos espellos e colares de cores de quen só vén a roubar o voto”, indica o BNG.
Ademais, o BNG, manifesta que “o candidato do PP, Carrero, aparece co delegado da Xunta para prometer infraestruturas deportivas, cando, non fai moito, votou en contra da reforma integral do Pavillón da Sangriña. Un concelleiro que pertence a un grupo político, que en catro anos, non presentou nin unha iniciativa diante da corporación municipal”.
“A presenza do delegado da Xunta en Pontevedra, en amor e compañía co candidato do PP, non deixa de sorprender, porque non apareceu en máis de dous anos que leva o transbordador a Caminha parado, menos aínda, para resolver o problema da sanidade. En cambio aparece agora, como o cómplice necesario para perpetrar unha fraude contra o pobo da Guarda prometendo cousas que saben que non poden cumprir”, finaliza o BNG.