O BNG lamenta que a idea de conservación e lecer do PP para o Louro ao seu paso polo Porriño sexa a da «artificialización e degradación do río e dos seus ecosistemas. O ruído e a contaminación non son compatibles coa protección do medio, polo que dende O BNG do Porriño denunciamos o actual proxecto do PP para o Louro e a súa contorna. Van cementar os ecosistemas do río con pistas de atletismo e aparcadoiros para coches; van promover o ruído e a contaminación do medio con concertos ou convertendo este espazo nun lugar para vodas. Estas intervencións non axudan á conservación do único espazo verde do centro da vila».
Dende o BNG sinalan que o río debe ser un ecosistema natural ben conservado; «así será o garante para o paseo e o descanso das persoas, para a tranquilidade, para un lecer harmonioso e para fomentar o coñecemento do noso medio. As festas de Alejandro deben buscar outras zonas de acomodo no Porriño; non debe ser o río Louro, novamente, o gran prexudicado por unha forma pouco seria de ver o medio natural”, sinalou o educador ambiental e concelleiro do Bloque, Marcelo Rodríguez.
Desde o BNG, reclaman para o Louro o seu recoñecemento como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), «proxecto aprobado no pleno e que o PP mantén paralizado no Concello». “É unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local para axudar a rexenerar os bosques de ribeira. O Alcalde non quere impulsalo porque defende outro modelo, incompatible con este recoñecemento ambiental”, lembrou o concelleiro nacionalista. “En lugar de seguir a degradar o río cos seus proxectos, o alcalde debera defender a protección do Louro e traballar no traslado do matadoiro. O Porriño precisa deixar de lle dar as costas ao seu pulmón verde natural”, reclamou Marcelo Rodríguez.
No seu día, o BNG abriu o paseo polo río e iniciou a compra de terreos na contorna fluvial, como primeiro paso para poder habilitar unha gran zona de uso público respectuosa co Louro. «Sempre fomos conscientes de que a recuperación do río non será integral mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual e o tren siga a cruzar polo medio da vila do Porriño, moi próximo a esta zona verde». “Alejandro Lorenzo vai ter sempre en fronte o BNG se sigue a atacar os valores ecolóxicos do Louro” advertiu o concelleiro, quen destacou a diferenza entre as políticas que defenden o ecosistema e o “desarrollismo que defende o PP». Neste sentido, considera que “este goberno ten pouca credibilidade cando desenvolve actividades puntuais de repoboación no río con asociacións ecoloxistas; non podemos reforestar e eliminar invasoras un día e ó seguinte encher de cemento toda a ribeira”.