O pleno ordinario do mes de novembro, que se realizará o vindeiro venres 28, debaterá a proposta do BNG para que a Corporación de Nigrán recupere todas as súas competencias como órgano de contratación do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria.
En outubro de 2024, cos únicos votos do PSOE, «o alcalde asumiu para si os trámites administrativos da contratación, coa desculpa de axilizar a xestión administrativa, visto que a periodicidade dos plenos no Concello de Nigrán é mensual».
Segundo o BNG, «a tramitación, lonxe de axilizarse, estivo encallada pola negativa da mesa de contratación a aceptar a valoración das ofertas realizada pola consultora externa contratada polo goberno, polo que aducir a periodicidade mensual dos plenos como xustificación para a delegación da competencia resulta agora irrisorio».
Pola contra, «as irregularidades postas de manifesto pola mesa de contratación» e que o BNG sacou á luz, como son a posíbel exclusión da candidata mellor valorada por incumprimento das frecuencias mínimas, a desproporcionada vantaxe que lle outorga a esta candidata o informe de valoración da consultora externa ou a falla de motivación e coherencia nas puntuacións, «aconsellan que toda a tramitación da licitación se faga coas máximas garantías pola instancia a quen lle corresponden as competencias como órgano de contratación que, en virtude da normativa vixente, é o Pleno».
Por todo iso, “é imprescindíbel, en aras da maior transparencia, revogar a delegación de competencias feita no seu día na Alcaldía e que o Pleno asuma plenamente as facultades como órgano de contratación” en palabras do portavoz municipal, Xavier Rodríguez.
«Saudamos que grupos políticos sen representación saian a rebufo do traballo do BNG, sen o cal este asunto seguiría oculto, aínda que lamentamos que as súas ansias por facerse un oco lles fagan errar o tiro, como lles ocorre habitualmente, ao desculpar, indirectamente, ao máximo responsábel da adxudicación e quen asumiu para si as competencias da tramitación da contratación, que non é outro mais que o alcalde de Nigrán«, rematan desde o BNG.
