O BNG esixe ao Concello da Guarda a limpeza urxente dos regos nas baixadas á praia do Forte e da Armona e que atenda ás reiteradas demandas feitas neste sentido pola Entidade Local Menor de Camposancos dende o remate da tempada estival.
«A falta de limpeza das cunetas e a obstrución das tubaxes provoca nos días de choiva de intensidade alta o asolagamento destas estradas e incluso das vivendas ademais de dificultar e crear situacións de perigo tanto para o transito de peóns como para o tráfico rodado«, indican dende o BNG.
O grupo nacionalista aclara que non é a primeira vez que ten que reclamar que o grupo de goberno cumpra coas súas funcións. «Xa no mes de setembro fixemos esta mesma reclamación na parroquia de Salcidos, algo que contábamos farían extensivo a toda a vila, pero tristemente non é así«, sinalan.
O BNG considera que este tipo de traballos deben estar programados. «Non é un problema de inexperiencia, nin climatolóxico xa que é unha situación que se repite todos os anos», comentaba a pé de rúa o portavoz nacionalista na visita que fixo a zona afectada.
«Evitar estas situacións é cuestión de vontade política e capacidade de xestión, algo do que cada día dá máis mostras de carecer o goberno do PP de Carrero e Fariñas», denuncia Anxo Baz.
