Somos Nigrán denuncia que o Goberno local deixa en situación de indefensión a numerosas familias do concello «ao non darlles a oportunidade de facer alegacións aos cambios de catalogación das súas parcelas tras unha gran cantidade de modificacións sen xustificación aparente no PXOM».
A Plataforma Cidadá reprende a falta de transparencia na tramitación do documento exercida polo Goberno, «xa que se mantén oculta a maior parte da documentación, así como a nula participación cidadá, deixando entrever unha xestión autoritaria, que chegou ao seu cume coa negación dunha segunda fase de exposición pública solicitada en pleno polo concelleiro do Bloque Nacionalista Galego», indican.
«Existen resolucións de alegacións que non se pasaron correctamente, por exemplo por un erro na aproximación dos planos do plan xeral. Pero o máis grave son os casos nos que parcelas que na aprobación inicial do documento constaban como zonas edificables, pasen agora a ser zonas protexidas sen ningún criterio que o xustifique e sen ser notificado aos seus titulares. Ademais poderíase chegar a sospeitar que existen situacións arbitrarias na estruturación das zonas edificables», apuntan dende Somos Nigrán.
Consideran que o argumento de atrasar a aprobación do plan que esgrime o Goberno para non abrir esta segunda fase de exposición pública, «é un intento de xustificar a mala xestión política que todos estes anos acompañou á elaboración do plan«, -din- «pasando por ata tres equipos redactores, causa principal do atraso na elaboración do documento«.
Desde de Somos Nigrán aseguran que, «é absolutamente necesario un segundo trámite de exposición pública, en aras de garantir a defensa dos intereses da veciñanza de Nigrán, e a seguridade xurídica do documento, que podería ser anulado de darse unha sentenza xudicial que avalase cambios profundos no mesmo», e anuncian que tomarán diferentes vías en apoio e defensa da cidadanía afectada.
