O bloque nacionalista galego da Guarda realizou unha visita á Pasaxe en Camposancos «ante a desesperación dos veciños pola falta de medidas de seguridade viaria na zona«.

«Na reunión mantida coa veciñanza, o bloque nacionalista galego faise eco dunhas demandas que non van máis aló duns mínimos de dignidade e seguridade: unha marquesina, un paso de peóns e medidas para o calmado de tráfico«, apuntan.

O BNG denuncia a situación de precariedade na que o goberno local deixa a numerosas familias, usuarias do transporte público, por negarlles a simple colocación dunha marquesina. «A ausencia dun mínimo espazo de abrigo, condea aos nosos nenos e maiores a padecer as inclemencias do tempo un inverno máis», afirma o voceiro nacionalista Anxo Baz.

Para os nacionalistas, é moi preocupante tamén ver como «o goberno local non atende a colocación dun paso de peóns e as necesarias medidas de calmado de tráfico que se solicitan desde hai anos».

«Temos a parada de autobús, a estación marítima, o parque infantil, un clube náutico, o enlace do camiño portugués pola costa, o servizo de ferri, as docas … todo frente a casa e non temos por onde cruzar», comentaba unha das veciñas.

O BNG quere amosar todo o seu apoio ás demandas que a veciñanza reclama ao Concello da Guarda, demandas, ás que tamén se sumou a presidenta da E.L.M de Camposancos, Merchi Martínez.

Tanto a alcaldesa pedánea, como o portavoz municipal Anxo Baz, comprometéronse ante os veciños da Pasaxe a esixir unha actuación urxente que cubra unhas necesidades máis que constatadas, se atendemos a carga de tráfico e as velocidades que soporta unha estrada que da tamén acceso ás praias, astaleiros, fábricas, naves e almacéns e unha ampla zona residencial.