O proxecto de ampliación e reforma do Pavillón da Sangriña contou no seu momento «co apoio do BNG para poder optar a unha  subvención oficial de 600.000 euros». Desde ese momento, «o BNG xestionou coas entidades deportivas guardesas e coa dirección do CEIP da Sangriña, a recollida de achegas para trasladarllas ao goberno local e ao equipo redactor do proxecto co fin de mellorar o proxecto», sinalan os nacionalistas.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, manifestou que “o proxecto inicial, como dixemos no seu día, precisaba modificacións. O resultado final é moi satisfactorio, polo que o BNG, votará a favor da modificación do proxecto para ampliar e reformar o pavillón da Sangriña. É unha reforma integral que soluciona as múltiples carencias que presenta esta infraestrutura”.

O nacionalista fixo un repaso dos aspectos máis destacados deste proxecto entre os que destaca -dixo- «o aumento do aforo de 472 a 700 prazas en grada, a substitución da cuberta e renovación de fachadas, a creación dunha zona para persoas con mobilidade reducida, o cumprimento das normativas de accesibilidade, de aforro e eficiencia enerxética, garantías de evacuación en caso de necesidade, sistema de ventilación para evitar a condensación e a ampliación do espazo total en preto de 400 m2, de 1.774 a 2.154 m2”.

Anxo Baz fixo referencia tamén ao “lamentábel papel xogado neste proceso polo PP  votando en contra da subvención oficial de 600.000 euros que fai posíbel levar adiante esta obra e tratando de confundir á opinión pública cun novo pavillón, cando saben que o Concello non dispón de terreos para tal fin. O PP, coa colaboración do concelleiro de CG,  tratou de torpedear un proxecto de mellora que necesita o pobo da Guarda. Evidencia así a súa negatividade e inutilidade para resolver os problemas da veciñanza do noso concello‘.

Anxo Baz rematou dicindo que “resulta lamentábel non poder dispoñer de terreos para instalacións deportivas ou para construír un auditorio municipal, porque nin os gobernos do Psoe nin do PP traballaron en facer as modificacións necesarias do Plan Xeral para dotarnos de chan para equipamento público. O BNG está comprometido en resolver este problema que máis cedo que tarde, debemos solucionar”.