O BNG iniciou na Guarda a campaña de recollida de sinaturas contra a subida da factura da luz, polas graves consecuencias que ten sobre as familias e sobre as pequenas e medianas empresas en plena crise.

No BNG pensamos que non podemos estar de brazos cruzados ante decisións que só benefician ás eléctricas pero que prexudican ás economías das familias e ás PEMES que xa están asfixiadas pola crise”, salientou o portavoz municipal do BNG Anxo Baz, que participou na primeira recollida de sinaturas xunto con outros  militantes do BNG.

Unha subida da luz que no caso concreto de Galiza é escandalosa, porque somos grandes produtores de electricidade pero non temos ningún beneficio desa riqueza e todo iso mentres se prepara unha invasión eólica a favor do lobby eléctrico sen que este País teña ningunha compensación”, denunciou Anxo Baz, “temos dereito a unha tarifa da luz máis baixa por ser produtores e temos dereito a que se poña fin ao espolio enerxético que soportamos”.

«Galicia leva décadas soportando os custes ambientais e sociais pero cada vez paga a luz máis cara e hai miles de empregos en xogo polo alto prezo da luz», aseguran os nacionalistas.

Neste sentido, argumentou, “rebaixar a factura da luz é o maior incentivo fiscal que podemos ter para que se instalen empresas no País e haxa oportunidades en Galicia. Con esta campaña de recollida de sinaturas, o BNG vai facer da defensa do dereito dos galegos e das galegas a ter un prezo da luz máis baixo».

“O que está facendo o Executivo que se proclama o máis progresista da historia é o mesmo que o PP, o mesmo que Feijóo desde a Xunta, gobernar para o sector eléctrico e por iso esta campaña de recollida de sinaturas para plantarlle cara a unha subida que ten consecuencias moi negativas para o conxunto da economía e para as maiorías sociais», rematan.