O BNG de Gondomar insta a rozar e limpar con urxencia as cunetas e marxes das estradas da Xunta que discorren polo concello. A formación nacionalista demanda do Goberno galego o cumprimento da súa obriga de mantemento nas estradas das que é titular co mesmo grao de esixencia que a administración galega lle impón á veciñanza galega para a roza das fincas privadas.
Desde o BNG solicitan a actuación urxente concretamente na estrada PO-341 que vai de Vincios a Couso, xa que a maleza invade a calzada de tal xeito que é un perigo para a circulación de persoas e vehículos. “Por riba de non ter nin sequera unha senda peonil por onde camiñar, a broza obríganos a ir polo medio da estrada”, denuncia a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, e apunta que «o perigo non só é para quen vai a pé, xa que tamén os coches acaban invadindo o carril contrario para esquivar as silveiras, co risco de provocar accidentes”.
Rodríguez salienta que esa falla de mantemento por parte da Xunta, que tamén se aprecia en outras estradas e camiños de titularidade municipal, contrasta coa obriga das veciñas e veciños de manter limpas e rozadas as faixas que arrodean as vivendas para a ‘prevención e defensa contra os incendios’.
Unha obriga que debían cumprir antes do 31 de maio e que está recollida nunha lei do goberno galego, “o mesmo goberno que a incumpre mantendo sen limpar as beiras dunhas estradas que tamén están arredor de núcleos habitados”.
