Na segunda xornada de asembleas informativas o BNG achegará a Borreiros o debate a respecto dos dous temas tratados no último pleno municipal: a modificación da ordenanza que regula a taxa do lixo e o proxecto para a creación dun itinerario peonil na estrada parroquial que vai do Telleiro á Sabarís que o Concello presentou ao plan extra da Deputación.

Ao igual que pasou coa ordenanza do lixo que non puxo en común con ninguén, o goberno presentou ao pleno un proxecto para Borreiros sen consensuar con veciños nin coa corporación. Ás presas, porque o prazo de presentación na Deputación remataba o mesmo día do pleno, o goberno trasladou unha proposta sen garantía de que sexa a solución real aos problemas de mobilidade na parroquia.

Logo de dicir que o proxecto é «moi sólido e moi ben documentado«, o alcalde descolgouse con expresións do tipo «non tiven tempo de estudalo» ou «ao mellor o proxecto queda ben«. Diante da ambigüidade na exposición e das dúbidas en canto á súa posible realización, o BNG optou por absterse na votación.

O alcalde recoñeceu no debate plenario que é posible que finalmente o proxecto non vaia adiante porque non cumpra os requisitos do plan extra da deputación, ente eles que o goberno conte, nos dous meses que ten de prazo, con todas as autorizacións veciñais para a cesión da franxa de terreo necesaria para os retranqueos previstos.

O BNG agarda que este proxecto “non sexa un novo parche como o das obras realizadas en 2024”, coa diferencia de que daquela a actuación custou 62.000€ e a que Ferreira presenta agora na Deputación ten un orzamento de 1.300.000€. Dese importe a Deputación cubriría 900.000€ como máximo, tendo que cubrir o Concello dos seus propios recursos os 400.000€ restantes que o propio Alcalde dubida de como conseguir.

Rodríguez lamenta que o goberno local non fixera a exposición pública do proxecto na parroquia antes de presentalo, tal como solicitaba a moción do Bloque debatida no pleno de outubro. En calquera caso, agardan que, de se levar adiante, sexa unha boa solución para resolver os problemas de mobilidade en Borreiros.

Na súa liña de achegar o labor municipal á veciñanza, o BNG de Gondomar na asemblea aberta convocada para mañá martes en Borreiros ademais do debater sobre a taxa do lixo falarase tamén deste proxecto.