A Comisión Europea vén de impoñer un novo regulamento que se traduce no peche para a pesca nun total de 87 zonas do Atlántico nororiental. Unha medida que entrará en vigor en poucos días e que suporá a expulsión da frota galega de fondo, podendo reducir até nun 75% as súas capturas.
Segundo Anxo Baz, “este regulamento, imposto desde a Comisión Europea (CE) sen un contraste e interlocución efectiva co propio sector, é un novo golpe que se engade ás limitacións de TACs e cotas de pesca, ou os anuncio das restricións na comercialización da quenlla, que vai limitar e dificultar a faena da frota galega”.
Estamos diante dun acordo da CE, que non contou co apoio unánime do Consello nin coa aprobación do Parlamento europeo, que se tomou baseándose nuns informes científicos e técnicos insuficientes, por parciais e desactualizados, sen diálogo e busca de alternativas co sector, sen unha avaliación socioeconómica sobre o seu impacto e cunhas consecuencias que poden ser estarrecedoras, e que non pode ser aceptado baixo ningún concepto tendo en conta que Galiza somos unha das primeiras potencias pesqueiras de Europa. As consecuencias desta decisión, suporán tamén agudizar a cada vez maior dependencia da importación de peixe e un previsíbel aumento dos prezos dificultando o acceso ao peixe aos segmentos sociais de menores ingresos.
A efectivización deste regulamento arbitrario e inxusto, suporá un golpe en toda a regra á nosa frota, afectando a varios centos de barcos galegos e ameazando millares de postos de traballo.
En definitiva, o impacto do novo regulamento imposto pola Comisión Europea supón unha ameaza de primeiro nivel que pode facer desaparecer este sector estratéxico tal e como o coñecemos, como advertiron xa publicamente tanto dende o propio sector como dende organizacións sindicais como a CIG.
A moción presentada polo BNG no apartado resolutivo esixe a Xunta de Galiza que convoque con carácter inmediato o Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país e insta ao goberno español a despregar todas as accións que como estado membro poida exercer para lograr a anulación do regulamento imposto pola Comisión Europea.
