O deputado do BNG Manuel Lourenzo presentou no parlamento galego unha  iniciativa para instar á Xunta de Galicia a restitución do persoal sanitario do centro de saúde e que cubra as baixas de xeito inmediato para garantir unha atención sanitaria de calidade.

O deputado nacionalista argumenta que “hai meses que a sociedade guardesa está a padecer a falta de persoal sanitario. Esta situación que nunca pode ser aceptábel, neste momento que vivimos, coa pandemia do coronavirus, transformase nunha auténtica irresponsabilidade por parte das autoridades da Xunta de Galicia”.

Manuel Lourenzo sinalou tamén “a redución a metade dos facultativos no centro de saúde está xerando unha sobrecarga de traballo aos profesionais que provoca unha atención aos pacientes deficitaria con moitos días de espera para poder ter unha consulta”.

O portavoz municipal Anxo Baz pola súa parte manifestou “a situación está sendo insostíbel, os doentes vense na obriga de esperar días para   ter unha consulta que en moitos casos non é nin presencial. Ou isto ten unha solución inmediata ou desde o BNG ademais de levar adiante iniciativas coma a que acabamos de presentar no parlamento galego chamaremos á sociedade guardesa a manifestarse para poñer fin a esta vergoña”.