O BNG ven de rexistrar unha iniciativa no Parlamento Galego para abordar os problemas que afectan ao servizo de ferri entre a Guarda e Caminha. Un servizo que leva anos con carencias importantes e que nas últimas semanas se viron agravadas tralo peche que se produciu polas obras de reparación.
O ferri de A Guarda-Caminha estivo sen prestar servizo varios días tras unhas obras de reparación que impedían o seu uso. Un servizo que aínda a día de hoxe non se restituíu na súa totalidade dado que o transporte de vehículos entre as dúas beiras do Miño aínda non se pode realizar.
A este respecto o portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Baz destacou que “estamos a ver como día a día esmorece un servizo sen que a ninguén pareza importarlle. É por iso que dende o BNG de A Guarda trasladamos as nosas demandas ao Parlamento Galego para esixir solucións. Todo o pobo da Guarda sabe que este servizo está obsoleto e non cumpre coas necesidades de mobilidade que temos, aínda así esiximos que mentres non dispoñamos doutra alternativa de mobilidade transfronteiriza de maior calidade se manteña o servizo de ferri nas mellores condicións posíbeis».
Anxo Baz tamén indicou que «todas as Administracións implicadas deberían facer un esforzo e poñerse de acordo en buscar unha alternativa que nos permita unha mobilidade transfronteiriza real que sería un revulsivo para a veciñanza e para a economía da Guarda. Para iso debemos solucionar os problemas do ferri primeiro e despois apostar por un servizo real e de calidade”
Pola súa banda, o deputado do BNG Manu Lourenzo sinalou que “rexistramos esta iniciativa no Parlamento porque cremos na mobilidade transfronteiriza e cremos que a veciñanza da Guarda merece ser atendida”.
