ALFREDO // Centro de Saúde da Guarda

O centro de saúde da Guarda padece desde fai anos unha situación que os propios profesionais da sanidade cualifican de extrema. A falta de cobertura das ausencias dos profesionais- en algún caso por máis dun ano- fan que o colapso da atención primaria sanitaria sexa unha realidade cotiá.

O portavoz municipal do BNG Anxo Baz afirma que “hai veciños que levan máis dun ano sen médica/o de referencia, o que implica un deterioro da atención sen precedentes. A desatención do centro de saúde da Guarda por parte da Xunta de Galicia é unha auténtica vergoña, están deteriorando ata límites escandalosos a atención primaria no noso Concello”.

Pola súa parte, o Deputado no Parlamento Galego do BNG, Manuel Lourenzo, asegura que “a situación acada tal nivel de gravidade que hai escasos días o centro de saúde ficou con un único facultativo para atender a toda a veciñanza, o que obrigaría a deixar o centro de sáude sen atención, se houbese unha urxencia que obrigase a saír”.

Por todo isto, o Deputado nacionalista ven de presentar no Parlamento Galego unha proposta para solucionar urxentemente os problemas deste centro cubrindo as baixas e ausencias de persoal e dotando ao centro de saúde do persoal necesario, reforzando os servizos de enfermaría, pediatría e PSX e contemplando o dobre equipo en urxencias no PAC.