Archivo

O BNG vén de solicitar ao Alcalde da Guarda, por medio dun escrito, unha reunión urxente de portavoces para esixir á Xunta de Galicia que inclúa axudas ao sector da hostalaría no mesmo DOGA no que vai publicar as últimas medidas para frear a COVID.

Para o BNG é fundamental que as administracións locais, os concellos, «sexan portavoces das necesidades dos seus veciños, polo que se fai necesaria unha acción conxunta para deixar dúas cousas claras: o apoio incondicional ao sector hostaleiro e distribución de importancia fundamental no concello e para esixir á Xunta que inclúa un paquete de axudas ao sector ante as últimas medidas de restricións anunciadas polo Presidente da Xunta, Núñez Feijóo«, apuntan os nacionalistas.

«Dende o BNG entendemos que con estas medidas estase promovendo un peche encuberto da hostalaría, dada a imposibilidade de manter os negocios abertos, a pouco que se coñeza o sector, a climatoloxía e as características da Guarda«, explican.

“As medidas decretadas como o peche dos salóns dos restaurantes e bares, a utilización das terrazas nun 30%… abocan ao peche dun sector de vital importancia para o noso concello”, comenta Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.

«O BNG espera altura de miras tanto do Alcalde como do resto das formacións políticas para ir cunha soa voz na defensa dun sector importantísimo para A Guarda que está sendo afectado sistematicamente dende o inicio da pandemia«, rematan.