O Bloque Nacionalista Galego manifesta a súa oposición ao proxecto eólico Albariño I polo seu impacto “crítico” na Serra da Groba co único obxectivo de beneficiar as multinacionais eléctricas sen reverter ningún beneficio nas zonas afectadas.

Desde a fronte nacionalista presentaron alegacións para esixir que se denegue a autorización administrativa para a instalación neste espazo natural dun parque que afectaría aos concellos de Baiona, Gondomar, Tomiño e Oia.

Estamos ante un novo exemplo do modelo especulativo e depredador do PP, no que o noso rural padece todos os prexuízos da instalación dos parques eólicos mentres os beneficios van parar exclusivamente ao lobby eléctrico. Fronte a este modelo espoliador dos recursos galegos, o BNG defende que o vento debe estar ao servizo do país, dos galegos e galegas e non das multinacionais, que se enriquecen a costa dos nosos recursos deixando na nosa terra todos os prexuízos e levando todos os beneficios” -declarou Manuel Lourenzo, deputado do BNG no Parlamento galego.

Por estes motivos, desde o BNG presentaron un escrito de alegacións esixindo a denegación da autorización administrativa e rexeitando o intento de declarar como de utilidade pública a posta en marcha do parque eólico Albariño I. A fronte nacionalista criticou nese sentido a cualificación por parte da Xunta dos impactos como moderados, malia as numerosas afectacións que vai ter sobre o entorno.

Dende o BNG poñen enriba da mesa catro puntos fundamentais que ao seu xuízo deberían cumprir, como mínimo, os proxectos eólicos na Galiza: un modelo sustentábel que protexa os recursos de Galiza, con participación pública nos beneficios dos recursos enerxéticos e onde os parques estean vencellados a proxectos industriais que permitan crear emprego e riqueza e unha aposta por estabelecer unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar a factura da luz en Galiza como productora excedentaria de enerxía.