ALFREDO

O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar unha alegación formal á Resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se sometía a información pública o parque eólico Merendón, localizado nos concellos de Oia e O Rosal. 

A fronte nacionalista asegura que existe un clamor social na contorna que se opón a estes proxectos eólicos polo seu elevado impacto, como evidencian as numerosas mobilizacións, a recollida de sinaturas, as innumerábeis alegación presentadas e o posicionamento unánime dos concellos ameazados, de todos os signos políticos.

Por estes motivos, desde o BNG chaman a frear este modelo “depredador do territorio que defende o PP e denuncian os atallos legais que está a usar o goberno do Feijóo para favorecer a aprobación dos proxectos, como a fragmentación de parques que conforman unha unidade co fin de minguar os impactos que reflicten as avaliacións ambientais».

«Isto representa novamente unha forma de colonialismo empresarial coa connivencia da Xunta. É incompatible para Oia vender natureza e ao mesmo tempo arrasala«, cualificou pola súa parte o portavoz municipal do BNG de Oia, Xosé Antón Rodríguez «Xuster». Desde a fronte nacionalista sinalaron que espazos naturais contan con hábitats de especial interese e protección da biodiversidade, son unha zona de grande riqueza patrimonial e unha das áreas de maior densidade arqueolóxica de toda Galicia.

Os nacionalistas mantéñense na súa posición contraria a este modelo eólico «promovido polo goberno de Núñez Feijóo no que se prima o beneficio económico das grandes empresas do cartel eléctrico mentres o territorio afectado fica apenas cos prexuízos que a explotación salvaxe dos seus recursos provoca».