O BNG presentou hoxe na Deputación unha moción para que o goberno provincial se implique na dotación dunha nova sede para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor da man da Mancomunidade e da Xunta de Galicia. O grupo provincial explica que as actuais instalacións son insalubres e ademais teñen unha localización pouco operativa para facilitar as saídas en situacións de urxencia.
A deputada Manuela Rodríguez lembra que do correcto funcionamento do GES do Val Miñor dependen as vidas e os bens dunha poboación habitual de arredor de 45.000 persoas, unha cifra que se triplica en época estival. Por iso urxe á Deputación a iniciar as xestións pertinentes, da man dun convenio coa Xunta e da Mancomunidade -como administracións competentes na materia-, para dotar dunha nova localización á sede nun lugar axeitado que facilite a comunicación con todo o Val, cunhas instalacións deseñadas funcionalmente para o seu cometido e exclusivas para o servizo.
Así mesmo, a nacionalista reclama que, ata que se dispoña dunha nova sede, a Deputación debe colaborar para, no inmediato, acondicionar a sede actual para mellorar a súa operatividade, trasladándoa de ser necesario a outro espazo de maneira provisional mentres duren as obras.
Rodríguez subliña que o actual edificio está compartido con outros servizos do Concello de Nigrán, cunhas instalacións cheas de humidades, paredes descunchadas, varandas desprendidas, teitos con pingueiras, unha escaleira perigosa e sen espazo para o adestramento físico en interior e con todos os vehículos á intemperie, o que propicia o seu deterioro.
“En definitiva, a actual sede é un espazo insalubre e incompatible cunhas condicións laborais minimamente dignas”, sinala. Así mesmo, a deputada lembra que a central do GES está localizada a carón dun instituto de educación secundaria que, a determinadas horas do día, concentra “innumerables vehículos e persoas, o que pode dificultar enormemente as saídas de emerxencias”.
Por todo, o Bloque considera “imprescindible” que se constrúa un novo inmoble específico para o GES ou ben que este se traslade a outra localización xa edificada pero coas características axeitadas co fin de que o servizo teña maior seguridade e efectividade nun enclave, ademais, que facilite a comunicación para atender a todo o Val no menor tempo posible.
Apunta Rodríguez que a situación das instalacións do GES “é de sobra coñecida” dende hai anos sen que “nin a Xunta do PP nin os sucesivos presidentes da Mancomunidade, os socialistas de Nigrán e Gondomar, e o popular de Baiona, fixeran nada por arranxala”. A nacionalista agarda que, dado que os problemas van a peor, a Corporación provincial asuma a necesidade desta actuación e corrixa de maneira definitiva a precariedade que vive o servizo de emerxencias.
