O BNG no Val Miñor ven de presentar alegacións ao Anteproxecto de explotación do transporte Público que a Xunta de Galiza creou para a comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, nas que solicita a anulación da tramitación e a presentación dun novo documento.

Coa publicación, sen versión en galego, do anteproxecto en pleno verán, sen apenas tempo análise e de elaboración de alegacións, nin de contraste coas entidades sociais para incorporar as súas achegas; con colectivos sociais en pé polo deficiente servizo no Val Miñor, nomeadamente en Gondomar; coas empresas de transporte que até o de agora viñan dando o servizo perxudicadas por unhas condicións pensadas para a concesión a grandes empresas en detrimento das pequenas e medianas da zona. Así é como o goberno de Alberto Núñez Feijóo pretende aprobar a modificación das liñas de autobús que afectarán ao Val Miñor, Baixo Miño e a Louriña para os vindeiros dez ou quince anos.

Para o BNG, cunha concepción radicalmente oposta á do PP, o transporte público colectivo non se reduce a realizar traslados da periferia á cidade. Trátase de vertebrar o territorio, de dar cumprida solución ás demandas da veciñanza e de contribuir á reducción do transporte individual, no camiño dunha mobilidade sostíbel, máis respectuosa co medio ambiente. Así, unha das principais eivas é a falta de integración do transporte urbano de Vigo e o interurbano de Gondomar no Transporte Metropolitano, impedindo así transbordos sin custe e bonificacións no custe dos billetesque, ademais de contribuir ao aforro das familias, incentivarían o uso do transporte público colectivo en detrimento do privado e individual.

Outra das grandes deficiencias é non considerar o transporte público como opción para os desprazamentos aos centros de traballo, e, a pesar de que o anteproxecto considera as áreas industriais como a Pasaxe ou Porto do Molle como puntos xeradores de tránsito, non contempla ningunha comunicación con eles. Polo que o BNG solicita o establecemento de liñas que conecten coas áreas empresariais do Val Miñor e da zona, con paradas e frecuencias adaptadas á xornada laboral.

Outra das reivindicacións comúns do BNG para o Val Miñor e o establecemento dunha conexión estable, cunha frecuencia axeitada e o máis directa posible co campus da Universidade de Vigo e con centros de ensino de FP de toda a zona. Tamén cos distintos centros hospitalarios, nomeadamente co Álvaro Cunqueiro, xa que é obriga da Xunta de Galiza contribuir a que a veciñanza poida optar por un hospital de xestión pública que conte con oferta de transporte que o permita. A proposta da Xunta é claramente insuficiente, especialmente si se compara coas frecuencias que conectan co hospital privado POVISA.

Como exemplo significativo do sen sentido da proposta da Xunta está a oferta de saídas diarias pola mañá cara a Vigo desde as parroquias de Chandebrito (Nigrán, 2), Belesar (Baiona, 1) ou Couso (Gondomar, 1), pero ningunha volta, o que as converte en inservíbeis. Resulta evidente que requiren, cando menos, viaxes de volta a última hora da mañá e/ou da tarde para que teñan sentido, aínda que a verdadeira solución é a implantación de liñas circulares en cada concello e dunha liña circular entre os tres concellos do Val Miñor, que conecten ás distintas parroquias entre si e coas liñas interurbanas.

O BNG, ante un documento que pola súa complexidade e presentación desorganizada e caótica incumple o principio de transparencia, que precisaría dun período moito maior de exposición pública para a súa análise e que conta connumerosos erros de bulto, reclama a anulación da súa tramitación e a redacción dun novo documento, en galego, mellorado coas achegas feitas ao actual, claro e accesible a través dunha plataforma de consulta que facilite a súa comprensión e que conte cun amplo prazo de alegación.