O próximo venres 28 de marzo ás 20:00 horas no Casino da Guarda, o BNG presenta a súa proposta de financiamento para Galicia. No acto intervirá Rubén Cela, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre que estará acompañado do portavoz municipal do BNG na localidade, Anxo Baz.

A alternativa de financiamento do BNG «é un concerto económico para Galiza, similar ao que gozan Euskadi ou Navarra, unha proposta que parte da confianza no País fronte á falacia de que Galiza é pobre e depende de recursos alleos». Os nacionalistas, cos números na man, manteñen que non é «Galiza quen vive do Estado, senón o Estado quen fai caixa con Galiza. Boa mostra diso é que co actual modelo de financiamento, Galiza perde 1.075 millóns de euros anuais, segundo a estimación do Consello de Contas, organismo dependente do Parlamento de Galiza», indican os nacionalistas.

O modelo de financiamento que propón o BNG aposta pola «suficiencia financeira, pola recadación e xestión do 100% dos recursos e por unha facenda propia con capacidade fiscal plena para aplicar unha política impositiva distributiva e para decidir desde aquí as prioridades de investimento e de gasto, axustando despois contas co Estado», afirman dende o BNG.

«Sen autonomía financeira -para os nacionalistas- a autonomía política é papel mollado e están en xogo os recursos para afrontar cuestións de tanta relevancia como sufragar os servizos públicos, a ciencia e a investigación, fortalecer o estado do benestar ou darlle futuro ás novas xeracións», rematan.