A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e o Concello de Santiago presentaron hoxe en rolda de prensa os actos do Día das Artes Galegas 2025, que este ano homenaxea a figura do creador compostelán Isaac Díaz Pardo. O acto, que se celebrou no Pazo de Raxoi, contou coa intervención da concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao; o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; e o académico numerario da Sección de Artes da Imaxe da RAGBA e fillo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias de Castro.
Manuel Quintana Martelo lembrou como, no Pleno da Academia de xuño de 2024, se elixiu, entre outras candidaturas, a Isaac Díaz Pardo como protagonista do Día das Artes Galegas deste ano. Pero explicou que, ademais, a Academia celebra este ano o seu 175 aniversario, “a Academia máis antiga de Galicia”, e conmemora o décimo aniversario da creación do Día das Artes Galegas.
O presidente indicou que o vindeiro martes, 1 de abril, celebrarase o acto central do Día das Artes Galegas nun centro histórico para Compostela como é o Teatro Principal. Será un acto aberto ao público que comezará ás 19:00 horas. Concretamente, apuntou que é “a terceira vez que este evento se celebra en Santiago, cun primeiro homenaxeado en 2015, como foi o Mestre Mateo, e en 2020-2021 o arquitecto Domingo de Andrade». O presidente da RAGBA inaugurará o evento cun discurso de benvida e, a continuación, Xosé Díaz será o académico responsable de pronunciar a laudatio, titulada “Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria”.
O acto pecharase coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que clausurará unha celebración que contará con actuación musical durante o seu transcurso. Previamente, ás 17:00 horas, celebrarase unha Sesión Ordinaria da Academia no Salón de Plenos do Concello.
Quintana Martelo subliñou que os actos de homenaxe a Isaac Díaz Pardo continuarán ao longo de todo o ano e ata o 1 de abril de 2026. No mes de xuño anunciou que se inaugurará a exposición “A barca de Caronte” no Museo de Belas Artes da Coruña, impulsada pola Academia coa colaboración da Xunta de Galicia, e comisariada por Xosé Díaz. Nesta mostra abordarase a transición vital e profesional de Díaz Pardo da pintura á industria.
Ademais desta actividade, celebraranse durante o ano simposios, conferencias ou roteiros en diferentes puntos de Galicia, como unha charla organizada polo Ateneo de Santiago o 7 de abril en Afundación, ou outra en Lugo pola actividade industrial de Sargadelos. Elaboraranse estudos sobre a figura de Isaac Díaz Pardo e editarase un libro que se distribuirá polos centros educativos galegos pola importancia de que a xente nova coñeza a todos aqueles persoeiros que fixeron posible a cultura galega.
Xosé Arias destacou que para el, como fillo de Isaac, é unha honra que este acto se faga en Santiago. “Santiago e Isaac é un binomio indestrutible” –sentenciou–. Adiantou tamén o contido da súa laudatio que se centrará, da forma máis neutral posible, no tránsito artístico, da pintura á industria, e persoal, desde Santiago ata Sargadelos, pasando por América. “Foi un gran creador, pictoricamente, industrialmente e como dinamizador cultural. Pero tamén unha persoa moi ética e moral. Deu un exemplo ético fundamental, sempre reivindicando a Galicia e a todas as persoas que foron maltratadas na nosa terra, sobre todo na relación co exilio. En 1936 tivo que marchar, pero sempre trouxo os seus proxectos para aquí xunto a Luís Seoane” –engadiu–.
Míriam Louzao sinalou que Isaac Díaz Pardo é “un compostelán do que nos sentimos ben orgullosas e manifestou que é unha moi boa nova” que a Academia o elixise para este Día das Artes Galegas 2025. “Xa desde a súa mocidade, mostrou unha visión e un compromiso excepcionais coa nosa cultura, tanto nas artes como no activismo social e político. A súa implicación no Movemento Galeguista, a súa loita pola recuperación da memoria histórica e a súa dedicación á cerámica tradicional foron só algúns dos aspectos que marcaron o inmenso legado que nos deixou. Falamos dun home que soubo integrar a vangarda e a tradición, que construíu pontes entre o pasado e o futuro, e desde sempre loitou por un país digno e libre. Durante a súa xuventude, participou activamente na campaña polo Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa en Bos Aires, ao lado do pintor Luís Seoane, fundou o Laboratorio de Formas de Galicia onde se renovaba a cerámica galega” –describiu a concelleira–.
Ademais, Louzao apostilou que Isacc era un home ben polifacético, un artista que realizou tamén un labor fundamental no ámbito editorial, ao ser un dos fundadores de Edicións do Castro para a recuperación da literatura e da historia de Galicia. “Con esta homenaxe celebramos a memoria dun home que desde a súa traxectoria contribuíu a dar visibilidade ao noso país, na nosa terra e fóra dela. Non só é un acto de recoñecemento a un artista e intelectual excepcional, senón tamén á loita e ao esforzo de tantas persoas que como el traballaron sen descanso para que hoxe poidamos vivir nun país máis libre, máis rico culturalmente e con máis dignidade. O seu legado está presente en moitas das cuestións que definen Compostela, como o amor pola terra, a lingua, e as tradicións, e a capacidade para innovar e adaptarnos aos tempos ser perder a nosa identidade. Persoas como Isaac construíron Compostela desde os cimentos, e o mellor que podemos facer é seguir traballando por preservar ese legado” –explicou–.
Finalmente, a concelleira anunciou que o Concello presentará este ano a reedición dun libro de Xosé Ramón Fandiño, ‘Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso’, un traballo que se elaborou durante o centenario do nacemento de Díaz Pardo.
Un cartel que expresa a dualidade creativa de Díaz Pardo: A pintura e a cerámica
O Día das Artes Galegas ten este ano un cartel deseñado por Xosé Díaz, cunha fotografía do legado de Isaac Díaz Pardo. Segundo explicou o académico, a fotografía elixida amosa a un Isaac de mozo na fábrica Porcelanas de Magdalena en Arxentina (1958-1959), onde o creador desenvolveu a súa última etapa pictórica. Tamén Xosé Díaz sinalou que esta imaxe quere expresar a dualidade creativa de Isaac Díaz Pardo, é dicir, a pintura e a cerámica.
A Real Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta elección os seus numerosos méritos. A condición de Díaz Pardo como destacado representante da arte galega, ilustre pintor e ceramista, únese s súa profunda vinculación ao longo de máis de medio século á nova etapa da restauración da Cerámica de Sargadelos, que Díaz Pardo, ademais dunha empresa, concibiu como centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia. Díaz Pardo foi tamén creador e impulsor de Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia xunto con Luis Seoane –homenaxeado no Día das Artes Galegas 2019–, das Edicións do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, e do Instituto Galego de Información, entre outros.
O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012) ingresou como académico de honra da Real Academia Galega de Belas Artes o 16 de xuño de 2009 nun acto celebrado na sede da Institución na Coruña como “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país”, indica a RAGBA.
O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na última edición de 2024 rendeuse homenaxe ao escultor Francisco Asorey; en 2023 ao trobador Martín Códax; en 2022 a figura homenaxeada foi o pintor lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro”; na edición 2020-2021 o homenaxeado foi o arquitecto Domingo de Andrade, arquitecto do Barroco galego, formulador da imaxe de Santiago na contorna da Catedral; mentres, en anos anteriores, homenaxeáronse figuras como a de Luis Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).
