Candidatura BNG Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego presenta unha candidatura solvente e capaz para facer de Gondomar un concello novo, dinámico e participativo. A organización nacionalista aposta nun equipo disposto a traballar por e para a veciñanza e que sae a gañar nas eleccións municipais para converter Gondomar nun concello para vivir e non só para durmir.

“É momento de apostar nun cambio real no noso concello, nunha nova maneira de facer política que poña por diante os intereses das veciñas e dos veciños e traballe para garantir o benestar e a vida digna a todos e en todas as parroquias”, defendeu este sábado a candidata do BNG á Alcaldía, Manuela Rodríguez Pumar, no acto de presentación da lista nacionalista que contou coa participación da deputada Carmela González.

Rodríguez chamou a toda a veciñanza a concentrar no BNG o descontento co actual goberno, a convertelo en apoios ao proxecto do Bloque para “para que as persoas pasen a ser o centro das políticas municipais no noso concello”. Un proxecto, asegurou, “que conta coas propostas, coas persoas e coa forza precisas para converter Gondomar nun concello con oportunidades,  un concello para vivir e non só para durmir”.

No acto de presentación tamén tomou a palabra o responsábel de organización e candidato número dous do BNG, David Rivas, quen afirmou que “fronte a quen ofrece un concello que está a 10 minutos de todo o que queda fóra, nós, o BNG, apostamos por un Gondomar que teña de todo dentro: servizos, vivenda, comercio, ocio”.

Concellos BNG, mellora da calidade de vida

Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, reivindicou o modelo de concellos BNG como garantía de gobernos “solventes, coas ideas claras e que transforman en positivo” para mellorar a calidade de vida das persoas. “Gobernos como o de Tomiño, O Rosal, Moaña ou Pontevedra, que nunca puxeron límites as súas políticas e construíron con valentía e decisión un modelo propio para a veciñanza”.

González destacou a aposta do Bloque polo comercio local fronte ás grandes superficies comerciais para darlle vida ás rúas e parroquias de Gondomar. E afirmou que “o BNG temos o mellor proxecto, a mellor candidatura e o mellor liderado en Manuela Rodríguez para construír o Gondomar que a veciñanza merece”.

Participación veciñal, orzamento, Plan Xeral e servizos

A cabeza de lista do BNG, Manuela Rodríguez, comprometeuse a conformar un goberno “aberto e accesible, que escoite e dialogue, que promova a participación directa da veciñanza na toma de decisións que lle afectan”, como chave do proxecto nacionalista.

Rodríguez defendeu que o dende o goberno “pularemos por un Gondomar ben xestionado e planificado”, e continuou: “Gondomar merece un goberno que axilice o Plan Xeral e que sexa quen de dotar o Concello duns novos orzamentos para atender as necesidades actuais da veciñanza en cada unha das parroquias de Gondomar. Un goberno que xestione a busca de recursos e dea prioridade aos investimentos en mellores servizos e dotacións: saneamento, auga, transporte, vivenda. Ese é o Gondomar que queremos.”

Por último, a candidata a Alcaldía, pasou a presentar ás persoas integrantes da candidatura e no seu nome enviou unha mensaxe a veciñas e veciños: “confiamos en que co voso apoio, a partir do 28 de maio, poidamos construír co BNG ese Gondomar novo que contribuirá a facer unha nova Galiza, concello a concello!”.