porto de A Guarda
FOTO CONCELLO // Porto de A Guarda

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta  para que se dote unha partida orzamentaria para a construción dun novo acceso ao porto da Guarda pola parte sur.

Para o BNG «é fundamental o compromiso da Xunta do PP nesta obra. A Xunta de Galicia ten investido nos accesos de diferentes portos de competencia autonómica, polo que se entende que A Guarda ten o mesmo dereito«.

Temos un acceso ás instalacións do porto por medio dunha rúa totalmente urbana, obrigando á que todo o transporte que xera a actividade portuaria pase por aí. A Xunta ten unha débeda histórica co sector pesqueiro de baixura, mentres outros portos foron modernizando os seus accesos, aquí fomos quedando atrás”, comentou Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.

Os nacionalistas lembran que «foi esta formación política a que tivo que convencer ao Alcalde da Guarda e ao PSOE de que non era necesario o PXOM para desenvolver un novo vieiro de calidade para conectar o porto da Guarda. Así, dende o Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, estase a realizar un proxecto con varias alternativas para a realización dun novo acceso ao porto da Guarda polo sur».

Agora que o BNG fixo o seu traballo na Deputación, quero ver como o candidato do PP, Roberto Carrero, esixe publicamente ao seu xefe na Xunta a realización, sen demora, deste novo acceso ao porto da Guarda. Outra cousa sería desviar o tema e deixar, unha vez máis, tirada á Guarda”, remata Anxo Baz.