alvaro_cunqueiro
ALFREDO // Hospital Álvaro Cunqueiro

O Bloque Nacionalista Galego, BNG, presentou unha moción para ser debatida en pleno na que se demanda á Xunta de Galiza unha zona de libre aparcadoiro no hospital Álvaro Cunqueiro para usuarios da área sanitaria de Vigo.

Dende o BNG manifesta que a área sanitaria de Vigo sofre unha dupla dirección no hospital Álvaro Cunqueiro: por un lado, a empresa concesionaria e, pola outra, a parte sanitaria. Ambas as partes teñen que convivir e isto xera problemas de competencias. Alén diso, hai un problema moi claro: unha parte dos servizos non sanitarios pero esenciais para garantir a calidade da asistencia prestada contrátase con criterios de rendemento económico.

O aparcadoiro privado é a imaxe do negocio previsto. Os guardeses e guardesas como usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo vémonos na obriga de estacionar si ou si nel, cunhas tarifas abusivas, sen posibilidade de alternativa de zona de aparcamento libre, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

Solución gratuíta sen localismos

Para o BNG resulta preocupante a situación que se está a xerar coa falta de aparcamento gratuíto para as persoas que teñen que facer uso do hospital, na que es está xerando un enfrontamento entre institucións públicas.

Dende o BNG consideran que, a Xunta de Galiza, é a que ten que afrontar este problema e que as solucións que se están a poñer enriba da mesa por parte de outras entidades locais, non dan solución ao conxunto da poboación usuaria de dito hospital que supera a propia cidade de Vigo.

A Xunta creou este problema, a Xunta debe solucionalo, evitando así enfrontamentos inútiles que soamente prexudican ás persoas que teñen que utilizar as instalacións do hospital Álvaro Cunqueiro”, sinalou Ángel Baz.