O BNG do Rosal presentou onte a candidatura, Ánxela Fernández, coa que concorrerá ás próximas elección locais.

Quero ser alcaldesa do Rosal para ter a oportunidade de converter en realidade a paixón de construír un futuro mellor para o noso pobo” proclamou Fernández. Na mesma liña continuou a súa intervención dicindo estar convencida de “contar co mellor equipo de persoas e de goberno que podía imaxinar para facelo. Un equipo cun equilibrio perfecto. Cheo de ganas, traballo, ilusión e compenetración, formado por persoas que por primeira vez decidiron dar un paso adiante comigo e sumar na construción dun proxecto de futuro para o noso pobo e co apoio e a reactivación de todas esas persoas con anos de experiencia no proxecto do BNG”, subliñou.

Ánxela Fernández, apelou ao sentido da responsabilidade que representa ter asumido ser a candidata á alcaldía, porque para ela “ser alcaldesa vai moito máis alá de tentar facer as cousas de boa fe ou dar unha solución rutineira aos problemas que xorden no devir do funcionamento diario do Concello. Porque gobernar é moito máis ca todo iso”, afirmou.

Así mesmo manifestou sentirse con forza e respaldada para converter ao Rosal noutro referente no Baixo Miño, seguindo a senda de cambio iniciada por Tomiño fai anos.

Antes a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo como exemplo o cambio que fai anos se produciu no seu concello, e que agora é referencia na comarca, e fixo un chamamento a non deixar pasar a oportunidade de cambio no Rosal. “Hai momentos nos que pasan as oportunidades por diante da porta e hai que saber apostar por elas”, indicou.

A presentación do acto correu a cargo de Carlos Villanueva, actual concelleiro, que fixo un repaso do traballo realizado ao longo da lexislatura que agora remata.