O Consello Local do BNG no Porriño reuniuse para valorar os resultados na localidade. O Bloque alcanzou 3.686 votos (34,62%), incrementando en 1.324 papeletas o seu apoio. É dicir, mellorou en 6 puntos porcentuais os apoios obtidos nos comicios do 2020. “O Porriño colaborou no espectacular avance electoral do nacionalismo no conxunto do país. Queremos trasladarlles a nosa gratitude a todas e cada unha das persoas que apoiaron o domingo o BNG. Non lles imos fallar”, sinalou o responsábel local do Bloque, Marcelo Rodríguez.
No casco urbano, o BNG foi a lista máis votada, por diante do PP, alcanzando o 41,18% dos votos emitidos. “Gañamos as eleccións no centro, onde 4 de cada 10 porriñeses e porriñesas escolleron a papeleta do BNG. O noso obxectivo é agora mellorar a nosa presenza no territorio, nas parroquias, de cara a disputarlle a hexemonía electoral e social ao Partido Popular no conxunto do Porriño”, destacou o responsábel local do Bloque.
Desde a dirección local do BNG na localidade, «compartimos a decepción que sente unha parte importante da sociedade porriñesa por non sermos capaces de provocar un cambio político na Xunta. Queremos dirixirnos a eles e a elas. O seu apoio vai ser clave para conseguir o obxectivo de que no futuro próximo teñamos un goberno galego liderado polo BNG. Os cambios políticos precisan tempo, pero o camiño está marcado. Nesta campaña recollemos, de forma moi transversal, o apoio da xente que cre que outra Galiza é posíbel. Agora toca ensanchar a nosa base social para chegar a sectores sociais máis amplos. Este domingo non rematou nada, comezou todo«, rematan.