A Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a conmemoración arredor deste venres, 23 de febreiro, do “Día de Rosalía” en que se celebra o 187 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.

O Concello de Tui adoptou un acordo plenario no ano 2013 para a celebración anual deste evento e neste ano dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, téñense preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da súa sede así como na Praza da Inmaculada para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.

Este xoves, 22 de febreiro, o Teatro Municipal acollera a proxección da curtametraxe “A rosa incandescente” presentada pola súa guionista e produtora Anxos G. Fonte. Tal e como explica a propia guionista, o filme quere achegarnos unha Rosalía de Castro cercana e directa que nos conta ela mesma algúns dos aspectos fundamentais da súa obra: a paixón pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo e, por suposto, as dificultades que tivo que enfrontar por ser muller e escritora. Rosalía é a mesma rosa incandescente de intelixencia, sensibilidade e paixón polo que fai. Nesta proxección participará o alumnado de Secundaria dos centros educativos tudenses.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que, como en anos anteriores, o Concello de Tui promove a iniciativa, impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada «Caldo de gloria». Unha proposta que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. “Queremos que Galicia, sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro, se lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este “caldo de gloria” dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.

No concello de Tui se suman a esta iniciativa de ofrecer este “Caldo de Gloria” arredor do vindeiro xoves 23 de febreiro diversos establecementos de restauración, en concreto:  “Restaurante El Molino” e “Restaurante O novo Cabalo Furado”, ”Ideas Peregrinas”, “O Trisco do Miño” e “Santiamén, cocina divina” que ofrecerán este produto aos seus clientes.