O BNG soubo polos medios de comunicación dunha nova disputa entre os gobernos da Xunta e do Concello. Neste caso ten a ver coa instalación dun ascensor no CEP Neira Vilas de Peitieiros supostamente sen os trámites municipais preceptivos (presentación de proxecto e obtención de licenza de obra) e que leva máis de tres meses sen poder funcionar por non contar coa autorización municipal pertinente.
Para o BNG “é lamentable ver a Xunta do PP e Concello do PSOE reproducen en Gondomar as súas leas partidistas importadas de Vigo ou Madrid”, traslada a portavoz municipal en Manuela Rodríguez, que considera “preocupante que o fagan a costa do funcionamento dunha dotación que mellora as prestacións dun centro educativo público”.
A voceira nacionalista pregúntase “por que non resolven o problema en silencio, sen volver poñer á comunidade educativa no centro da disputa, como aministracións responsábeis”. E engade que goberno local e goberno galego “deberían saber que as administracións están para resolver problemas non para crealos ou agrandalos.”
Ao BNG este tira-puxa lémbralles o episodio do ano 2021, cando o alcalde Paco Ferreira decidira mercar purificadores de aire con filtros HEPA para instalar nas aulas dos centros sen previa autorización da Consellería de Educación e topou coa negativa desta. “Podería parecer que agora o Concello lle devolve a negativa á Xunta”, apuntan.
En calquera caso, desde o BNG trasladan que, máis alá das irregularidades que se produciron no que respecta aos trámites administrativos para á instalación do ascensor para o CEP Neia Vilas, “que semella que as houbo e non menores tratándose da actuación dunha administración pública”, o certo é que agora está colocado e o seu uso pode ser necesario en calquera momento, polo que sería sensato mantelo inoperativo durante máis tempo.
«É por iso que, se tal como se pode ler nos medios de comunicación, a documentación esixida polo Concello xa está presentada, instan ás partes a non dilatar máis no tempo a legalización da instalación e demandan das dúas administracións involucradas a resolución de calquera outro aspecto pendente, para garantir o funcionamento do ascensor para o vindeiro curso«, rematan.
