O BNG reclama á Xunta a inclusión do Concello de Gondomar no novo financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). De quedar fóra, a vila Condal deixaría de ingresar arredor de 510.000 euros para un servizo que, aínda así, seguiría a ser deficitario para o Concello, cando debería ser financiado integramente entre a Xunta e o Estado.

No mes de xaneiro, a Consellería de Servizos Sociais propuxo pasar dos 12 euros/hora que reciben actualmente os concellos a só 16 este ano, 17 o próximo ano e a 18 euros en 2028, unha oferta moi afastada do custe do servizo, que na actualidade xa se sitúa nun promedio de 25 euros/hora. Aínda así, a proposta foi apoiada polos integrantes de PP e PSOE na Comisión Executiva da FEGAMP, entre os que se atopa o Alcalde de Gondomar.

O BNG votou en contra por considerala totalmente insuficiente e por incumprir o que estabelece a Lei de dependencia –financiamento do 100% pola Xunta e o Estado–, o que obriga os concellos a continuar a asumir un custe económico que non lles corresponde e para o que non teñen orzamento suficiente. A alternativa do BNG era moito máis ambiciosa e tendente á cobertura total dos custes, pero topou sempre coa oposición do PP.

A portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, considera “inexplicable que, logo de aprobalo co seu voto na FEGAMP, Paco Ferreira non asinara o acordo coa Xunta e que o noso concello quede fóra, facendo o servizo aínda máis inviable”. Fora de xeito consciente ou por deixamento de funcións, para Rodríguez “é unha irresponsabilidade do goberno local do PSOE”, sobre todo tendo en conta que o contrato actual do SAF en Gondomar está a piques de rematar e en breve terá que revisar a alza o que está a pagar na actualidade.

Mais, sexa como for, o BNG considera que o acordo da FEGAMP debería ser aplicable a todos os concellos sen necesidade de asinar unha adhesión individual expresa, como tampouco fora precisa nas actualizacións de anos anteriores. “É indecente que o goberno do PP de Rueda pretenda precarizar aínda máis o servizo as persoas usuarias e traballadoras do SAF de Gondomar deixando fóra ao noso concello”, denuncia Rodríguez.