O BNG de Gondomar vén de dirixirse á Dirección Xeral de Mobilidade para reclamar actuacións urxentes que garantan a seguridade peonil na estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Vincios. A formación nacionalista alerta da perigosidade desta vía, que soporta máis de 15.000 vehículos ao día, incluídos arredor de 500 pesados, e na que se concentran múltiples puntos inseguros para a veciñanza.

Segundo explica a organización, a zona máis urbana da parroquia —entre o polígono da Pasaxe e a rotonda dos Arcos— presenta varios pasos de peóns cun pintado moi desgastado, sen iluminación axeitada e sen ningún tipo de elevación ou medida de calmado de tráfico. Esta situación provoca un risco elevado de atropelos, sobre todo nas horas de escasa luz diurna, sendo especialmente perigoso nas mañás do inverno coincidindo cos desprazamentos cara ao colexio Serra-Vincios ou ás paradas de transporte escolar doutros centros.

A voceira municipal do BNG, Manuela Rodríguez, advirte de que “é responsabilidade da administración garantir que unha estrada con este volume de tráfico dispoña de pasos de peóns visibles, seguros e adaptados ás necesidades da veciñanza”. Engade que “non é admisible que unha vía tan transitada siga carecendo dunhas condicións mínimas de protección peonil”, e volve lembrar que a solución real será a conversión en travesía urbana dese tramo da PO-331.

O BNG denuncia tamén a ausencia total de pasos de peóns na zona do Tumbio —entre a rotonda dos Arcos e Pego Negro—, onde non existe ningún punto habilitado para cruzar, nin sequera nos lugares onde están situadas as paradas de autobús, o que deixa ás persoas nunha situación de absoluta indefensión fronte ao tráfico.

A organización nacionalista solicita á Dirección Xeral de Mobilidade que adopte medidas inmediatas para mellorar a visibilidade e seguridade dos pasos de peóns existentes e para habilitar novos pasos nas zonas que carecen deles, ao considerar estas actuacións imprescindibles para garantir unha mínima seguridade viaria da veciñanza de Vincios.