A senadora do BNG, Carme Da Silva, visitou a zona de Angustias-Costilleta en Sanguiñeda (Mos) acompañada de concelleiros de Mos e Porriño, responsábeis locais e comarcais do Condado e Vigo, para poñer de manifesto os problemas de tráfico que rexistra a zona debido á confluencia de varias autovías e estradas sen os pertinentes accesos e a concentración de áreas comerciais que non foron precedidas dunha axeitada planificación viaria. 

A senadora do BNG sinalou que os concellos de Mos e Porriño “levan décadas  padecendo a presión e o impacto urbano, acústico e ambiental por estar atravesados por varias autovías e estradas estatais que na zona debuxan unha paisaxe desordenada de vías que conflúen sen os adecuados accesos e enlaces”. Lembra que no mesmo espazo concéntranse a A-55, A-52, N-550 e N-120, que “sumado ao incremento do tráfico derivado da concentración de centros comerciais, causa constantes conxestións e problemas de tráfico”.

Carme Da Silva presentou hoxe mesmo no Senado unha pregunta parlamentar e unha moción dirixida ao Ministerio de Transportes para trasladar esta problemática e propoñer solucións. “Non é un simple problema de tráfico, consiste en mellorar a calidade de vida da veciñanza nesta zona”, indica.

Por un lado, plantexa ao Ministerio a elaboración dun estudo, en colaboración cos concellos de Mos e Porriño, para analizar o tráfico na área de Angustias-Costilleta en Sanguiñeda (Mos) co obxectivo de adoptar as medidas necesarias para mellorar a fluidez do tráfico e rebaixar a alta presión e saturación de tráfico que se rexistra nesta área. E en segundo termo, empraza ao Ministerio a aprobar a construción de dous enlaces: un acceso directo á A-55 desde a N-550 á altura de Amieirolongo (Mos) e unha enlace directo desde a parroquia de Torneiros (O Porriño) á A-55 á altura da saída 17 para acceder á AP-9.

Explica Da Silva que no municipio de Mos, lindando con Porriño, sitúanse sete grandes superficies comerciais nun espazo dun quilómetro, e unha rotonda coñecida como a Costilleta, onde se producen entradas e saídas a A-52, A-55, ademais da N-120 cara a rúa Progreso. Uns 250 metros antes, desemboca o tráfico da N-550 na N-120, o que provoca unha grande saturación de tráfico, tanto para entrar e saír ás autovías como para circular con normalidade entre ambos municipios. “O incremento do volume de tráfico e os atascos converteron a circulación nun auténtico pesadelo para os habitantes dás Angustias – Sanguiñeda, Avenida de Galicia, Ramiráns e Progreso”.

A senadora do BNG  faise eco nas iniciativas rexistradas no Senado das demandas sociais e políticas (nomeadamente do BNG) para que o Ministerio adopte medidas e se rebaixen os problemas de tráfico e se contribúa a mellorar a calidade de vida cos veciños e veciñas da zona dado que é un área residencial.

Á marxe da saturación de vehículos e a falta de fluidez, engádese a ausencia de enlaces directos desde a N-550 á A-55 á altura de Amieirolongo e a falta de accesos directos desde a parroquia de Torneiros A-55 á altura da saída 17 para entrar na AP-9. O mapa caótico de vías e autovías que se concentran nesta área, unido a unha improvisada política de concesións para a localización de centros comerciais sen estar precedidos dun serio e rigorosa análise dos tráficos e da mobilidade nesta zona, foi sumando e multiplicando os xa persistentes problemas de tráfico que chegaron a un punto insostible que é preciso afrontar”, apunta.

Para Carme Da Silva non se trata dun “simple problema de tráfico, estamos a falar de sostenibilidade, de mellorar a calidade de vida da poboación que habita na zona”.