Encontro BNG Anpas Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego mantivo o pasado venres en Gondomar un encontro con representantes de ANPAs do Val Miñor, no que participou a deputada no Parlamento galego Carmela González que estivo acompañado polo Tenente de Alcalde de Baiona, Iago Pereira, e máis a Portavoz Municipal en Gondomar, Manuela Rodríguez.

Na xuntanza, á que asistiron integrantes das ANPAs do IES 1º de Marzo de Baiona, do CEIP Serra Vincios, do CRA Antía Cal de Gondomar e da directiva da Federación de Anpas do Val Miñor (FAVALMI), abordaron a situación educativa a poucos días do inicio do curso escolar e puxeron en común a situación de incerteza e inseguridade creada pola improvisación e incapacidade do goberno da Xunta á hora de establecer os protocolos e de adoptar ás medidas necesarias para a volta ás aulas.

Así, as representantes das familias trasladaron ao BNG as esixencias da comunidade educativa ao goberno galego: toma de responsabilidade por parte da Consellería dos protocolos que botou en mans dos equipos directivos dos centros e das ANPAs, garantía de mantemento de aulas matinais e actividades extraescolares; xestion directa dos comedores durante a pandemia; reforzo do transporte escolar; máis recursos nas aulas; contratación de máis persoal docente e de apoio; asunción e finanzamento da limpeza e desinfección extraordinarias; e medidas para evitar a fenda dixital que ten un impacto maior no rural e nas clases sociais máis desfavorecidas

Total apoio do BNG ás reivindicacións e mobilizacións das ANPAs

A deputada do BNG trasladoulles aos representantes das ANPAs do Val Miñor o total apoio do BNG ás súas reivindicacións, “a Xunta non pode escudarse en que programas como os de madrugadores, comedores e actividades extraescolares sexanactividades das ANPAs. A existencia destas actividades, que agora están no aire, é un exercicio básico para a conciliación e a Xunta ten que responsabilizarse con diálogo coas representantes das familias”, explicou.

Nese sentido, o BNG propón que a Xunta habilite un fondo extraordinario para as ANPAs que xestionan comedores, aulas matinais e actividades extraescolares, que lle dea garantías xurídicas. E, sobre todo, debe sentar coa comunidade educativa para garantir que as nenas e nenos teñan unha volta ao cole segura.

O BNG tamén apoia ás mobilizacións que as Asociacións de Nais e Pais están a desenvolver por todo o País para esixir do goberno da Xunta a garantía desa volta segura ás aulas. Nese sentido, fai un chamamento á participación da veciñanza dos tres concellos na concentración convocada por FAVALMI, para o vindeiro martes 8 de setembro, ás 19:00 horas, no Paseo da Ramallosa.