«Opuxémonos a que o Concello solicitase un crédito de 9 millóns de euros, a metade do orzamento municipal, que hipotecaba o futuro do Porriño a medio prazo. Unha nova operación publicitaria por parte de Alejandro Lorenzo que pretendía endebedar o Concello sen presentar nin os proxectos nin os convenios necesarios con outras administracións para anunciar obras de saneamento, vivenda social e supresión do paso a nivel«, sinalan dende o BNG.

Os nacionalistas aseguran que non hai presentado ningún proxecto concreto de saneamento «e o PP non impulsa os que o BNG deixou en marcha e con partida no Picouzo e na Devesa, en Budiño. Tampouco existe ningún expediente iniciado para a construción de vivenda social. Non se fixo público ningún convenio coa Xunta neste sentido nin sabemos a localización, o prezo das parcelas ou o número de vivendas a executar. Nada sabemos a día de hoxe do convenio a asinar con ADIF e das condicións do soterramento da vía do tren ao seu paso polo casco urbano. Desde o Bloque emprazámolo a que defenda os intereses do Porriño negociando un soterramento ambicioso que non se limite a suprimir o paso a nivel e que permita conectar o centro da vila coa zona verde ao carón do río Louro».

«O alcalde pretendía ter un cheque en branco para pagar con cartos públicos os anuncios da súa campaña política particular e o BNG  non llo vai permitir. Si estamos dispostas a tenderlle a man ao goberno para facilitar a aprobación de proxectos concretos de interese xeral, que teñen que levarse ao pleno con seriedade, que redunden na mellora da calidade de vida da cidadanía e beneficien as maiorías sociais«, afirman.

«Precisamos – din- menos propaganda e unha alcaldía que xestione mellor e defenda os nosos intereses ante outras administracións. Alejandro Lorenzo está a demostrar non estar á altura da responsabilidade que supón gobernar un concello como O Porriño. Limitarse a xestionar o día a día, programar festas e sacarse fotos non chega, hai que afrontar con responsabilidade os grandes retos que temos como pobo».