O BNG quere mellorar a «desastrosa situación ambiental do Río Miño» e vén de reclamar un Proxecto Integral de Rexeneración “ambicioso”. O Bloque así o defenderá no próximo Pleno da Deputación, onde argumentará que é necesaria unha estratexia ambiental integral, con base científica e enfoque global, para atallar as plantas invasoras, O BNG reclama un proxecto de rexeneración ambiental integral para o Río Miño os verteduras contaminantes, así como os efectos dos encoros en todo o treito internacional, «e non unha dragaxe das sedimentacións nos metros próximos ao estuario, como propón o PP unicamente».
O Bloque, a través da súa deputada no Baixo Miño Beatriz Lomba –concelleira na Guarda-, apunta que o tramo Internacional do Rio Miño, a pesares de ter un recoñecemento e protección ambiental a nivel europeo (Rede Natura 2000), sofre a día de hoxe moitas problemáticas que se agravan por estar nun espazo transfronteirizo, polo que reclama a necesaria atención “inmediata e coordinada” entre o goberno español, de Portugal, e a Xunta de Galicia se realmente se queren solucións. “Acaso hai alguén que pense que nun tramo internacional pódese actuar cun mínimo de éxito desde unha marxe do río sen ter en conta a outra?”, subliña.
Lomba destaca que o leito do río acolle cada vez máis especies animais e vexetais invasoras e non existe ningún plan de eliminación destas especies que están ocasionando un dano irreparable. Engade que tamén se produce unha contaminación sen control por verteduras, sen que haxa estamentos científicos ou administrativos que velen e respondan polo saneamento, protección e mellora ambiental. Advirte que nestes momentos «o único instrumento de gobernanza é a CPRIM, que esta rexido por autoridades militares, e que só toma decisións nos regulamentos de caza e pesca».
Por outra banda, a nacionalista sinala que as centrais hidroeléctricas feitas na época de Franco -e privatizadas despois- «mudaron por completo o leito natural do río, onde nestes momentos non se respecta un mínimo caudal biolóxico, estando este supeditado aos intereses das hidroeléctricas, que fan soltas descontroladas que provocan arrastres de sedimentos e erosión». Lembra tamén que hai sobre a mesa «un novo proxecto de encoro en Crecente que supón unha nova ameaza para a saúde deste tramo do Miño».
O Bloque sostén que dragar un tramo do río con problemas de sedimentación, «tal e como propón o PP«, “é inútil se non se actúa sobre as causas orixinais do sistema de sedimentación, xa que o río manterá a súa tendencia e encherá de sedimentos enseguida a zona dragada«, aseguran.
“Propoñer a dragaxe como única solución a toda problemática que afecta ao Miño parécenos ousado e temerario. Lembremos que as medidas que se teñen tomado ata agora para atallar as dinámicas do río na desembocadura demostraron ser ineficaces e incluso contraproducentes”, destaca Lomba, que insiste en que ao “abordar o problema desde un mínimo rigor científico e observando a onde nos levaron as dragaxes feitas na desembocadura ou cales foron os efectos da extracción de áridos, a prudencia recoméndanos ser un pouco escépticos sobre a única medida que propón o PP como solución a todos os males: a urxente dragaxe do Rio Miño”.
Lomba subliña que é precisa unha actuación urxente con base científica «que non redunde nos erros que se teñen cometido no pasado«, por iso chama ao consenso para reclamar a todas as administracións responsables «unha intervención integral para tratar de atallar os múltiples problemas que padece o Miño». “É necesaria unha estratexia global para abordar as medidas correctoras que procedan, desde unha perspectiva de respecto á importante riqueza natural que posúe este ecosistema”, finaliza.