O BNG de Gondomar volverá rexeitar o convenio co Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) para o desenvolvemento da II fase do proxecto de urbanización do polígono da Pasaxe, que o goberno local leva a aprobación no pleno de mañá, porque é contrario aos intereses do Concello e da Comunidade de Montes de Vincios.
A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, denuncia que a proposta “non é un convenio urbanístico para conseguir un beneficio mutuo, é realmente un contrato de adhesión que, ademais do Concello, prexudica gravemente á Comunidade de Montes de Vincios como maior propietaria do terreo a urbanizar”.
A voceira nacionalista lamenta que o goberno de Ferreira desestimara a totalidade das alegacións presentadas e que o mal chamado ‘convenio’ manteña as cláusulas máis lesivas para o Concello tal como figuraban no texto da aprobación inicial, “impedindo así o consenso nun tema de tanto calado”, indica Rodríguez.
A nova proposta mantén a cesión gratuita do aproveitamento de todo o chan urbanizable á CZFV como promotor, sen reservar o 10% que por lei lle correspondería ao Concello e que este podería dedicar á instalación de equipamento dotacional municipal en beneficio da veciñanza de Vincios, como parroquia que soporta o uso industrial dunha parte importante do seu territorio, mais tamén a do conxunto do concello.
Ademais de que o convenio non conta co preceptivo estudio de viabilidade económica, o contrato a asinar co CZFV non garante en ningún momento que o convenio vaia ser financeiramente sostible para o Concello de Gondomar, quer dicir, se este vai ter capacidade para cubrir os compromisos asumidos durante a vixencia dun convenio que establece como límite temporal unha duración de catro anos con posibilidade de prórroga por catro máis.
Como exemplo, desde o BNG indican que o documento contempla que o Concello compensará económicamente a CZFV pola súa xestión e finanzamento cunha cantidade equivalente ao importe das taxas e impostos municipais sobre as obras promovidas. É dicir, que o Concello non só non cobrará eses importes correspondentes ás obras, senón que vai pagar parte delas.
Así mesmo, o Concello deberá garantir o abastecemento de agua, así como o resto das conexións e servizos exteriores para o desenvolvemento desta fase, con cargo ás arcas municipais; e elaborará e xestionará os trámites de acordos ou expropiacións, así como os procedementos administrativos necesarios en caso de incumprimento (apremios, embargos), que o Concello ten delegado no ORAL e que tamén suporán un custe engadido.
E para por o ramo a semellante acordo, recolle tamén que no caso de que se produza unha paralización por causas dolosas imputables ao Concello, este asumiría o deber de indemnizar ao CZFV coa cantidade que este levara pagado até ese momento. Polo que, de haber paralización e tendo en conta que o proxecto de execución das obras podería acadar máis de 25 millóns de euros, este Concello podería non ter capacidade financeira para lle facer fronte á indemnización.
No que respecta á C. Montes de Vincios, propietaria na Pasaxe de 205.000m2 dos 388.000m2 a urbanizar nesta fase –máis do 50%–, vese abocada a un proceso de expropiación que pode supoñer a perda non só do monte veciñal senón tamén dunha capacidade económica fundamental para a parroquia na que reverte.
No encontro que o BNG mantivo coa súa Xunta Reitora, “ademais da coincidencia en considerar lesivo o convenio co CZFV, trasladáronnos a súa grande preocupación, máxime despois da experiencia negativa da primeira fase de desenvolvemento do polígono que xa supuxo para a CMM un balance negativo de arredor de 300.000€”, relata Rodríguez.
Así mesmo, durante a conversa poideron constatar, tamén neste caso, a falla de diálogo do goberno de Paco Ferreira que en ningún momento posibilitou a relación directa da Comunidade de Montes co Concello nin con Zona Franca, malia telo solicitado en reiteradas ocasións.
“É por iso que o Bloque Nacionalista de Gondomar non vai apoiar a sinatura dese convenio”, explica Manuela Rodríguez. E engade que o BNG non está en contra do desenvolvemento da do proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe, “o que rexeitamos é este contrato leonino e lamentamos, máis unha vez, ter un goberno incapaz de lograr un acordo realmente beneficioso para o Concello de Gondomar”.
