O grupo provincial do BNG solicitou onte á Deputación a necesidade urxente de mellorar a seguranza viaria para as persoas nas estradas provinciais de Chaín e Peitieiros.
No caso da EP2301 entre Gondomar e Peitieiros para o treito que vai dende o inicio en Gondomar até o punto quilométrico 1,2; na EP2302 entre Gondomar e Chaín, para o tramo de beirarrúas sen concluír no barrio de Loureiro e para aqueles outros que precisen de beiravía de paso. A deputada provincial Manuela Rodríguez solicita que se constrúan itinerarios peonís seguros e continuos para o conxunto de ambas estradas.
Actualmente a EP2301 (Peitieiros) na súa parte final conta con dous quilómetros de beirarrúas construídas xa que hai uns vinte anos por ambas marxes -en moitas zonas de escasa dimensión-, mais no resto da vía provincial as veciñas e os veciños teñen que circular camiñando pola propia estrada, xa que, agás nun pequeno tramo, non existen nin beiravías nin cunetas, coa perigosidade que iso supón.
No que respecta á EP2302 (Chaín), as beirarrúas iniciadas hai xa dez anos ficaron inacabadas deixando sen concluír un treito de 500m. A situación actual obriga a transitar pola calzada ou ter que cruzar ao outro lado da vía, no que tampouco hai espazo para transitar a pé e nun lugar de moi escasa visibilidade, co conseguinte risco de atropelo.
Rodríguez considera necesaria unha actuación integral na que se melloren as condicións nas que transita a veciñanza. Propón ao departamento de Infraestruturas que estude a viabilidade de continuar coas beirarrúas existentes ou de construír unha senda peonil e ciclista cun largo suficiente, para que as persoas poidan camiñar comodamente en paralelo con paraugas abertos, “algo que acontece moi habitualmente neste país”.
A deputada e concelleira do Bloque subliña que é fundamental un proxecto amplo no que tamén se delimiten posibles zonas de convivencia e prioridade peonil onde non exista sección suficiente para construír as beirarrúas, marcando as zonas de velocidade máxima e mesmo de calmado de tráfico, mellorando a sinalización horizontal e vertical e a iluminación, “algo fundamental tamén para aumentar a seguranza viaria, xa que se producen aínda máis situacións de perigo durante a noite que polo día”, destaca a nacionalista.
A voceira apunta que, para o conxunto do concello, a Deputación debería incluír as estradas provinciais de Gondomar no plan de cunetas transitables para, polo menos, paliar dalgún xeito a situación de inseguridade viaria en treitos concretos.
Rodríguez traslada esta solicitude á Deputación en que subliña que o Concello deberá poñer a disposición os terreos necesarios das fincas afectadas para poder asinar convenios como os que desde o ente provincial se están a pechar con outros municipios polos que discorren estradas provinciais, con financiamento compartido. Por esa razón, dirixe tamén a súa petición ao goberno municipal para que actúe nesa dirección, para facilitar unha actuación nesas estradas á maior brevidade posible.
