Juan González

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona, Nigrán e Gondomar considera un «completo despropósito» a xestión de Juan González como presidente da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor.

Así, o BNG quere poñer de manifesto e denunciar publicamente que o actual Presidente da  Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, o alcalde de Nigrán, Juan González, «non convocou o pleno ordinario que correspondía no mes de setembro e no seu lugar convocou un pleno extraordinario en outubro coa escusa da aprobación da conta xeral do ano 2021. Este trámite leva en curso dende o pasado mes de maio, polo que a urxencia ben interposta por non convocar o pleno ordinario. Do mesmo xeito, cabe lembrar que nunha convocatoria extraordinaria non hai lugar a mocións e preguntas, polo que, moitos temas de interese para a comarca non puideron ser tratados», sinalan.

«A súa nefasta dirección- din– viuse reflectida no propio plenario coa decisión de convocar un novo pleno extraordinario para este vindeiro xoves para tratar asunto propostos polo Partido Popular, saltándose a lexislación e os estatutos da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor». 

Con todo isto e tendo en consideración o grave desleixo na dirección do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor, coa total inacción na problemática laboral e de acoso como determinou o informe e sanción da Inspección de Traballo e Seguridade Social, dende o Bloque Nacionalista Galego na comarca do Val Miñor «volvemos solicitar, como hai dous meses, a súa renuncia ao cargo de Presidente da Mancomunidade».