Concello de Gondomar
ALFREDO // Concello de Gondomar.

O Bloque Nacionalista Galego considera lamentable a imaxe que está a dar o Goberno de Gondomar, que está a xerar máis noticias polos seus desencontros que polas súas accións de goberno.

“Non é de recibo que utilicen os medios de comunicación para exteriorizar as súas diferencias. Se as teñen, que as debatan en privado e que acorden. A veciñanza o que precisa son solucións, acción de goberno, non máis problemas”, indica a sua voceira María Manuela Rodríguez Pumar.

“Porque levamos tres anos con este goberno e aínda non conseguiron aprobar un orzamento, sendo incapaces de deseñar, acordar e aprobar unhas contas adaptadas ás necesidades actuais do concello, limitando, unha vez máis, a acción política no 2018 a un deseño do PP que xa era malo no ano 2012“, sinala.

“E seguimos sen novo centro de saúde, sen servizos sociais suficientes para as necesidades do concello, sen regulamento de participación veciñal, sen un servizo de transporte suficente e máis barato, sen plan xeral, sen rematar o saneamento (que non é integral), con accións centradas basicamente en mellorar a imaxe do centro da vila, esquecendo as necesidades máis básicas das parroquias. Fraco balance para tres anos de goberno”, finaliza Pumar.